Que tres curas opten por vivir xuntos nunha mesma casa, compartir o traballo, o estudo e os bens, parece algo imposible a día de hoxe na nosa terra. Pois houbo unha experiencia ben fermosa en Ribadavia, hai case 60 anos, e foi frustrada polo caciquismo político e clerical.
Virxilio, un daqueles tres curas que fundaron a asociación ABRENTE

Virxilio, un daqueles tres curas que fundaron a asociación ABRENTE

Ribadavia nos anos 60 era unha zona abandonada relixiosamente, onde só o ritualismo necesario reunía a xente na igrexa. Animados polos novos aires do Vaticano II tres curas ofrecéronse ao bispo para iniciar unha experiencia de equipo e transformación pastoral: Miguel, Virxilio e Xosé Bieito. Falamos do ano 1967, na ditadura franquista. O bispo deulles permiso e aló marcharon pero pronto cometeron erros imperdoables como empregar o galego na liturxia, non vestir sotanas, compartir un piso alugado e non vivir na reitoral, xuntar a xente en asembleas democráticas, non cobrar polos servizos relixiosos… Os poderes fácticos da vila volvéronlles as costas desde o primeiro día. Nos dous anos que durou a experiencia mudou a vivencia relixiosa da bisbarra e moita xente participou das iniciativas, mesmo algúns que nunca entraban nos templos. Os nosos amigos comezaron a vivir no medio da xente coma veciños, espertando o espírito solidario. Crearon unha das asociacións culturais senlleiras de Ourense: ABRENTE, especialmente enfocada á mocidade. Foise transformando todo. Demasiado.

Ata agora non puxen nome ao señor bispo pero supoño que todos acertades quen era: monseñor Temiño, aquel que ameazou de excomuñón a Irimia e á Romaxe. O primeiro foi prohibir o uso do galego na liturxia, e logo obrigounos a vestir sotana. Policías secretos acudían ás misas e charlas e redactaban informes. O feito de que non cobrasen por misas e enterros levou á sospeita de que eran financiados por Moscú. No ano 1969, Temiño deu por rematada a experiencia, disolveu o equipo e mandou a cada cura a unha parroquia. Houbo revolta, protestas nas que a Garda Civil interveu mesmo con malleiras. Os curas de Ribadavia pertencían aos Coloquios de Parroquias dos que contamos no último Irimia, o que provocou unha onda de solidariedade en toda Galicia. A revolta apareceu nos principais xornais. Malia as numerosas peticións ao bispo de que reconsiderase a decisión, pechouse en banda e rexeitou todo diálogo e negociación. Os curas tiveron que marchar, creando un gran desacougo entre tanta xente ilusionada e esperanzada. Con todo foron quen de abrir camiños nos novos destinos. Miguel, irimego de sempre, acompañounos nas Romaxes con xentes das súas parroquias. Virxilio, co tempo, abandonou o sacerdocio mais non o compromiso. Xosé Bieito exerceu de párroco no Carballiño.

Os tres partiron xa de entre nós. E sabedes que?, hai un equipo na casa do pai con matrícula de Ourense.