“O vento sopra onde quere e ti séntelo zoar
pero non sabes de onde vén nin para onde vai.
Así pasa con todo aquel que naceu do Espírito”
OS COLOQUIOS DE CRISTIÁNS GALEGOS
Tamén chamados europeos, coloquios de crentes, ou simplemente coloquios foron unha experiencia de vento e espírito que se desenvolveu en Galicia entre 1966 e 1987. Todo comezou cos Coloquios Europeos de Parroquias un encontro que nace en Francia en 1961, un ano antes do Concilio Vaticano II (1962-1965). Curas de distintos países de Europa comezaron a reunirse cada dous anos, motivados por actualizar o cristianismo nun mundo que mudaba con rapidez. Estes coloquios existen na actualidade e reúnense cada dous anos nun país distinto. Chao Rego foi o primeiro cura galego que participou nun dos Coloquios e quedou encargado de organizar a actividade en Galicia.
Curas de distintos países de Europa reúnense para actualizar o cristianismo
No comezo eran encontros de párrocos, onde se discutía un documento e se aprobaban propostas pastorais. Co tempo evolucionou coa participación de relixiosos e leigos, adquirindo tamén un claro compromiso galeguista e denominándose Coloquios de Cristiáns Galegos e tamén de Crentes galegos. No IV coloquio celebrado en Santiago no 1968 aceptouse a proposta do cura de Aguiño, Francisco Lorenzo Mariño, de que os coloquios se desenvolveran en galego. Pepe Chao ten confesado que foi Paco de Aguiño quen o converteu en galegofalante. Non temos espazo nestas páxinas para resumir os 25 coloquios celebrados en Galicia. Contarvos que se trataron todo tipo de temas sobre a Igrexa en Galicia, e tamén sobre a sociedade galega e os seus problemas ata tal punto que no ano 1977 o XIV Coloquio, que se celebraba no mosteiro de Poio, foi rodeado pola policía armada, e o Gobernador Civil de Pontevedra prohibiu o encontro, que foi adiado e celebrouse finalmente en Santiago.
Os Coloquios foron berce de moitas outras experiencias eólicas que viñeron co paso dos anos: A Romaxe de Crentes Galegos, a Asociación e a revista IRIMIA, Encrucillada, a Asemblea conxunta de curas e bispos, o Concilio Pastoral de Galicia…destas e outras experiencias iremos falando nestes Arquivos do Vento.
X. M.R Pampín, “Nova conciencia da Igrexa Galega” ed. Sept.(Estudo sobre os 12 primeiros coloquios);
Francisco Carballo, “Os Coloquios Galegos de Cristiáns” Encrucillada nº 53;
Victorino P. Prieto, “Galegos e cristiáns” Sept. 1994; Chao Rego “O Demo Meridiano”, Xerais 2004.
Lois Ferradás na revista Estudios Mindonienses nº 38-2025: Coloquios e Romaxes. A Igrexa galega en estado de misión.