Influencers

Martina (A Coruña, 1996), tras o seu paso laboral dentro do mundo da moda, descobre a cara máis escura do fast fashion e entendeu que a súa forma de consumir roupa non era inocua, senón que tiña un impacto no planeta. Dende esa toma de conciencia comeza un camiño no consumo consciente e na divulgación sobre o mesmo. No seu traballo en redes, Martina investiga e publica sobre marcas sostibles, fomenta a reutilización e reciclaxe das prendas, aposta pola segunda man e crea comunidade a través desta estratexia de decrecemento.

Colectivos

Identidad Marrón: Un grupo de persoas marróns, fillas e netas de indíxenas e campesiñas de América, unidas para debater sobre o racismo estrutural en Latinoamerica e buscar respostas a iso. O Colectivo Identidade Marrón tivo a súa primeira aparición pública en 2015 nunha marcha do orgullo LGTBIQ+, e hoxe está integrado por máis de 100 persoas, artistas e profesionais racializados, que se propoñen reflexionar sobre a identidade e cuestionar as prácticas racistas. É interesante a perspectiva sobre o racismo dende a óptica do sur mundial, é dicir, se en Europa ou Estados Unidos, a noción de racismo está identificada dende o imperialismo ou dende a escravitude, en Latinoamérica o problema é unha cuestión económica e de clase, por iso falan en Identidad Marrón de clasismo.

Podcast

Exército Mekemeke: “Ola parroquia!!” Así inicia Carlos Vieito o podcast Exército Mekemeke, que ademais conta coa colaboración de Lidia Veiga e Xubi. Neste podcast poden facer unha festa de fin de ano, falar da vivenda ou de dereita extrema cunha estética pop xeracional a cabalo entre os nostálxicos dousmiles e os aínda máis nostálxicos noventas.

Podcast de humor que aborda diferentes temáticas con ironía e retranca, de maneira lixeira e divertida, aderezado con minions, funkos e referencias culturais galegas.

Neste exército non hai armas, non hai estratexia militar soamente risas, caos e a gloriosa misión de sacar os oíntes da realidade por media hora.