Asociada á licitación dunha obra, as administracións adoitan licitar tamén dous contratos de servizos relacionados coa súa execución: a dirección de obra e a coordinación da seguridade e saúde.
En moitas obras, a contratación destes dous servizos pode realizarse mediante contrato menor, sempre que se cumpran os requisitos de duración (doce meses) e importe (quinze mil euros).
Segue sendo un reto difícil de consensuar cal é a forma ideal de chegar á selección óptima dun contratista que aúne criterios obxectivos, transparentes, abertos e eficientes
O número destes contratos menores depende do número de obras que licitemos. Así que unha das alternativas que temos para garantir a transparencia desta contratación é concentrar nun único contrato todas as direccións de obra dun período determinado e, noutro contrato, agrupar os traballos de seguridade e saúde desas obras a uns prezos unitarios establecidos en función das visitas e informes que, por contrato, se deban realizar.
Incluso poderiamos licitalos aplicando exclusivamente fórmulas matemáticas que, en principio, son criterios máis obxectivos ca aqueles nos que empregamos xuízos de valor para determinar cal é a mellor oferta.
Pero sempre hai problemas.
Cales son os problemas? O primeiro é evitar precarizar un sector ao que obrigamos a poxar á baixa polos seus traballos. A poxa en contratos de servizos serve para reducir a calidade na execución, xa que o prezo non pode ser o criterio predominante nas prestacións de servizos. O barato é o que desata o farrapo (do peto). Estamos obrigados a incluír criterios cualitativos porque as obras que, por baratas, se fan mal e mal supervisadas, acaban, co tempo, saíndo máis caras.
O segundo é que os criterios automáticos alternativos ao prezo poden ser difíciles de comprobar durante a execución. Podemos valorar que a empresa contratista asigne persoal con máis experiencia, pero se durante a execución non se comproba que, efectivamente, son eles quen realizan o traballo, o criterio non ten un impacto real na mellora do servizo. Ademais, poden enganarnos. Porén, tamén é importante valorar que as empresas asignen persoal en formación a cada contrato.
Concentrar contratos é unha medida cuestionable incluso pola lei, xa que expulsa moitos autónomos e pequenas empresas de contratos pequenos que poderían realizar perfectamente, pero que se fan inviables para eles se os concentramos. Cal é a solución que esixe a lei? A división en lotes dos contratos grandes, lotes que poidan ser realizados de forma separada. No caso citado ao comezo, cada lote sería un contrato da dirección de cada unha das obras. Todo o mundo pode presentarse á licitación, e ninguén queda excluído dela.
Pero sempre hai problemas.
Neste caso, a tramitación de moitos destes contratos pode levarnos facilmente entre cinco e seis meses. E os prazos apuran: a execución de fondos europeos apura, e o exercicio orzamentario apura. Todo o que se poida facer antes será benvido, incluso pola prensa.
Segue sendo un reto difícil de consensuar cal é a forma ideal de chegar á selección óptima dun contratista que combine criterios obxectivos, transparentes, abertos e eficientes. Sempre nos movemos con dificultade, porque, como nos lembran desde o primeiro día, o óptimo é inimigo do bo.