Poucos outonos máis interesantes para a análise política coma este. A comezos de novembro saberemos se o PSdeG volve cambiar de liderado e como se concreta o reto de alongar a base social que Ana Pontón lle lanzou ao BNG. Ademais, comeza a tomar corpo a operación de Yolanda Díaz para agrupar os votantes á esquerda do PSOE, que xa conta coa beizón do propio Pedro Sánchez. Nas tertulias de Madrid falase de importar o modelo das Mareas no Estado. Hai reticencias, claro, pero os promotores esperan que as resistencias ao proxecto que poñan líderes como Errejón e outros se venzan cun argumento imbatible: cando se acheguen as eleccións ao Congreso e as enquisas apunten a un executivo do PP cun Abascal de vicepresidente, quen se vai atrever a dicir que non a unha coalición que pode garantir un goberno de esquerdas?

cando as enquisas apunten a un executivo do PP con Abascal de vicepresidente, quen dirá que non?

Se en Galicia foi un prodixio inesperado o éxito das Mareas, este novo rexurdir non parece que vai transcorrer igual ca no resto do Estado, ou polo menos vai ter características propias. Hai un problema de partida: está moi viva a lembranza de como acabou todo aquilo, da súa incapacidade para traballar xuntos. A maiores, agora neste espazo campa en plena forma o BNG de Ana Pontón, que xa non é o Bloque do 2016. Así as cousas, non parece que pinte moi ben para os plans de Yolanda Díaz, pero hai datos que non se poden esquecer. O primeiro é que hai un moita xente que non se sente representada polo sistema de partidos que temos en Galicia desde hai 30 anos, o tripartito PP, BNG e PSdeG. Votantes que cando se mobilizan rompen co reparto tradicional, sobre todo cando son eleccións ao Congreso en Madrid, e a coalición está pensada para ese tipo de comicios.

Se a idea das Novas Mareas sae ben ou non en Galicia, vai depender en gran parte do que fagan tanto os novos mareantes como o resto de partidos, especialmente en dous asuntos: a relación co nacionalismo, que non está no Bloque, e co restos das Mareas municipais.

Co paso do tempo é difícil negar o efecto catalizador que supuxo a participación de Beiras/Anova en En Marea, foron a enzima que fixo posible unha proposta cualitativamente diferente. Como os vai tratar o novo proxecto? Que cotas de presenza está disposto a darlles? Por outra banda, terá o BNG algún xesto para Anova e compañía? Os posibles movementos vanse poder ver co que poida pasar co medio cento longo de concelleiros das Mareas, poucos pero ben colocados en Ferrol, A Coruña, Santiago e Vigo. Recibirán chiscadelas de Bloque ou dos socialistas?

E, por último, non se pode esquecer a capacidade de Núñez Feijóo de fixar os marcos do debate. A quen preferirá? A un PSdeG “razoable”? A un Bloque “auténtico galego”? Unha Yolanda “dialogante”? O dito, poucos outonos tan interesantes para a análise política.