Seguro que tería poderosas razóns, mesmo compromisos legais, pero cando o vicepresidente Francisco Conde lle dixo ao Parlamento que non podía revelar quen estaba detrás dos proxectos privados que optaban aos fondos Next Generation, diñeiro público, diñeiro que pagaremos entre todos, blasfemaba contra un dos grandes mandamentos da economía clásica.

Non está moi de moda no debate político, pero que ben quedaría no diario de sesións que unha das nosas señorías dixese: “Necesitamos sabelo, señor vicepresidente. Recorde que os empresarios rara vez se reúnen, sequera para pasar un bo momento, sen que a conversación termine nunha conspiración contra o público”. Para deseguido ilustrar os deputados e deputadas despistados e a prensa asistente, non ao vicepresidente, claro, que o autor desa radical crítica non era ningún extremista ‘bolivariano’ ou testán marxista, senón que non era outro que Adam Smith, o pai da economía moderna.

Asombra a falta de datos concretos, a falta de debate público razoado que rodea a proposta galega a este ‘Plan Marshall’ europeo, pois poucas veces nas nosas vidas poderemos volver recibir unha axuda deste tamaño.

Claro que falamos de cantidades que non somos quen de interiorizar. Sen entrar en se debería ser máis ou menos, calcúlase que a Galicia van chegar entre 8 000 e 9 000 millóns de euros. Este ano, e é un ano extraordinario, os presupostos galegos prevén investir uns 2 500 millóns. É dicir, que se podería acceder a uns catro presupostos de investimento extraordinarios a maiores.

Aínda que poida sorprender, non é doado gastar, e moito menos gastar ben. De feito, a Administración galega ten graves carencias neste tema. Neste momento hai sen executar en Galicia 1 400 millóns de fondos tradicionais como os FEDER ou o Fondo Social Europeo. Unha razón máis para que a transparencia sexa imprescindible nesta ocasión.

Tampouco axuda á claridade que a institución que “garantirá a presentación e o desenvolvemento dos proxectos”, a que dará o “apoio xurídico… e de xestión” vai ser unha sociedade na que Abanca, Reganosa e Sogama van ser os socios maioritarios. Non parece que Feijóo escollese os mellores socios posibles. É canto menos paradoxal que a maior entidade financeira do país teña información directa sobre quen e como se van desenvolver os proxectos; ou que dúas empresas como Reganosa, distribución de combustibles fósiles, ou Sogama, que queima lixo para producir electricidade, vaian liderar a transición enerxética.

No discurso ideal de resposta ao vicepresidente, a súa señoría podería finalizar con outra cita: “Pois sempre que o goberno intenta regular as diferenzas entre os amos e os seu obreiros, os seus conselleiros son sempre os amos, como tamén dixo Adam Smith”.