Cumpríronse os 100 anos do nacemento de Francisco Carballo na parroquia de Celedón de Asadur, Maceda, onde o pasado 15 de marzo rendeulle homenaxe sentida unha marea de xentes chegadas de todo o país.

Ausencia e silencio das institucións católicas. Hai pouco conversei con curas ourensáns que nada sabían de Paco Carballo.

Tiven a sorte de ser veciño de Carballo durante 12 anos no Morrazo e podo dicir que foi unha das persoas que máis influíu na miña vida. Falo sobre todo do Carballo amigo, compañeiro, mestre, seguidor de Xesús. Viaxamos moitas veces xuntos a reunións e encontros. A súa dispoñibilidade xa con oitenta anos era impresionante, mesmo para suplir un crego no domingo en calquera parroquia rural. “Ánimo, estupendo, adiante…” eran coma un mantra neste frade paúl, apoiando sempre calquera iniciativa.

Nunca tivo un recoñecemento oficial nas institucións oficiais, académicas, culturais,…recordo aquel programa da radio Correcarmelaquechove onde un afamado actor imitaba a Fraga Iribarne ordenando: -“un quilo de medallas Castelao!”. Paco Carballo non foi merecente de ningunha desas medallas repartidas a quilos. Tampouco dun Honoris Causa en calquera facultade de Historia, cando foi o impulsor do mellor equipo de revisión da historia de Galicia.

O que máis amolaba a Carballo era esa Historia escrita desde Madrid que nos relegaba a recuncho do Estado, negándonos a existencia como Reino de Galicia. A colonización dos Reis Católicos(doma)continúa: as políticas lingüísticas que extinguen o galego, as empresas que cotizan fóra e esnaquizan a paisaxe e a vida prometendo pratos de lentellas; a pesca, as autovías, o leite, a vivenda, a cultura…Como é posible que teñamos que mercar fóra o que podemos producir na terra? sinalaba Carballo.

Militou na política, ao vello estilo, o do compromiso, o do servizo, o de dar máis ca recibir. Foi incansable e paciente, rompendo moldes, o crego nacionalista desde a esquerda, o historiador militante, o inspirador de iniciativas e construtor de alternativas. Canto que aprender, visto o visto hoxe e o descrédito da práctica política.

Os últimos anos de Carballo foron un pouco amargos no “exilio” da enfermería de Salamanca: a división do nacionalismo, a desaparición do semanario A Nosa Terra do que foi creador… Non lle faltaron os amigos, que eran lexión, e levou unha grande alegría: o Papa Francisco.

Algunha vez subo aos Milagres de Baños de Molgas e contemplando abraiado a impoñente Serra de San Mamede paréceme escoitar a voz rexa de Francisco Carballo coma testamento: Ánimo, estupendo, adiante!