Somos, os galegos, mamíferos, coma o resto da humanidade. Mais temos un aquel de anfibios. Un aquel cultural, sen relación co ADN. A auga é o noso medio natural, do que por veces nos queixamos e por veces botamos en falta. Quizais por iso, porque andamos algo sobrados, non nos decatamos da súa riqueza no presente e do seu valor futuro. E comezan a aparecer alertas (Betanzos, Viveiro, o encoro das Conchas, a balsa da mina de San Finx). Un ben tan imprescindible para a vida non pode estar a gardar cola no máis fondo da listaxe. Certo é que a actividade económica é necesaria para vivir, mais o rendemento a curto prazo está frecuentemente ligado a empobrecementos futuros. Velaí o proxecto de ALTRI. Un río Ulla no que xa verten augas as depuradoras de máis de 10 concellos vai ter que alimentar o proxecto de ALTRI e dar de beber a unha grande parte do Barbanza. Todo iso anotámolo na relación dos grandes problemas.

Un ben tan imprescindible non pode estar a gardar cola no máis fondo da listaxe

Agora imos polo máis miúdo: as traídas veciñais. Somos país de fontes, regos, regatos e ríos. Desa xenerosidade natural son beneficiados un 15 % dos galegos. Xentes que foron ao monte, escañaron, buscaron a fonte e conduciron a auga ata as casas. Houbo de ser así porque non había traída municipal. E así seguen facendo (ver foto), aínda que indo a menos, porque queda menos xente, mais tamén porque unha administración desmesurada esixe as mesmas medidas de control sanitario para as augas dun lugar que para a vila cabeceira da comarca ou a capital da provincia. Unha manchea de xestións cada vez máis complicadas que cómpre facer por “sede electrónica”: Plan Sanitario da Auga, a incorporación dos datos da traída ao SINAC (Sistema Nacional de Augas de Consumo), analíticas que supoñen 2 ou 3 mil euros anuais e que se suman ao mantemento da propia traída… Unha esixencia desbordante e unha linguaxe incomprensible que conduce ao abandono das fontes e das traídas. Ben diferente sería se a administración exercese un papel de animadora, asesora e condutora para o coidado do ben.

Pola contra, o que máis salienta é a faceta inspectora. Se pensaramos nun escenario de crise, seguramente os que se perden na maraña administrativa serían quen de atopar auga para as casas, cousa que non saberían facer os que se moven coma peixes entre as normativas. O mal arrinca dun tratamento único de necesidades que precisan solucións diferentes. O modelo de abastecemento urbano aplícase igualmente na aldea. Nas fontes dos nosos lugares (de augas subterráneas do monte), temos que facer as mesmas analíticas que na Coruña (con achegas de augas superficiais) para detectar a presenza de medicamentos e estupefacientes. O coidado do recurso non é só un aproveitamento, senón unha consciencia, unha descuberta do valor da auga. En Galicia tiñamos e aínda temos moitas “escolas” para esa aprendizaxe. Oxalá non teñamos que vermos obrigados a relembrar para mal os versos de Rosalía: Adeus ríos, adeus fontes…