Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, ademais de seren economistas e de que os dous chegaron á presidencia da Xunta, comparten o singular récord de que foron máis dunha vez candidatos do PSdeG nunhas eleccións galegas. Laxe, dúas veces (1985 e 1989), e Touriño, tres, (2001, 2005 e 2009). Desde a vitoria de Feijoo en 2009, os socialistas galegos presentaron un candidato diferente en cada convocatoria. Para os próximos comicios mesmo poden superar a súa marca: empezaron no 2020 co liderado de Gonzalo Caballero, cambiaron a Valentín González Formoso a metade de lexislatura e é moi probable que ao final o candidato acabe sendo Xosé Ramón Gómez Besteiro. O 17 de setembro está previsto que celebren as súas primarias. Se cadra, cando leas esta columna xa sabes o resultado, se o candidato é González Formoso, Besteiro ou a sorpresa maiúscula de ver de novo a Gonzalo Caballero ao fronte das listas.
Aceptará o PSdeG ser o socio menor dunha coalición presidida por Ana Pontón?
Pero sexa quen sexa o elixido, o novo proceso electoral galego preséntase moi complicado para o PSdeG. Xa temos falado nesta vaquiña polo que vale da dificultade que ten para articular un proxecto, unha alternativa galega. Unha eiva que compensaba con moi bos resultados na política local e máis que notables nas convocatorias ao Congreso. Pero as cousas xa non son exactamente así. O PSdeG chega á próxima campaña despois de que o 23X perdera tres deputados con relación ao 2019 e, o que é peor, baixando en número de votos, o 1,8 %, mentres que subía en España, un 3,5 %. Pero é que se as eleccións xerais foron malas, as municipais non foron mellores. Os socialistas galegos perderon unha ducia de alcaldes, entre eles os de Santiago e Ferrol, moitas maiorías absolutas (Vilagarcía, Culleredo, Tui, Betanzos…), a deputación de Pontevedra, moitos concelleiros e moitos votos. A suba do BNG e os gobernos de coalición cos nacionalistas impediron novas alcaldías conservadoras.
Neste momento non sabemos cando os galegos iremos votar o noso Parlamento. Se será ao final do ano, coincidindo cunha hipotética repetición das eleccións xerais, ou en xuño do ano que vén, coincidindo coas europeas, ou se Alfonso Rueda espreme a lexislatura ata o seu final natural e se convocan no mes de xullo do 2024. En todo caso, son apenas uns meses para dar a coñecer o candidato, pacificar a lea interna que se pode montar e articular unha alternativa ao goberno conservador. Unha alternativa que, inevitablemente, ten que incluír como vai ser a relación cos nacionalistas do BNG, mesmo con Sumar, se entran no Pazo do Hórreo. E aquí xorde a dúbida principal…: aceptará o PSdeG ser o socio menor dunha coalición presidida por Ana Pontón?