urxe a rectificación, porque se trata dunha membro do goberno da Xunta
A Galicia corresponderíalle acoller uns 300 nenos e nenas nesta distribución. Presentar isto coma un problema grave parece bastante ridículo, cando ademais sabemos que existe un compromiso do goberno central para asumir os gastos derivados. Evidentemente o sistema galego de protección de menores, bastante saturado como todos os demais, precisaría incrementar os seus recursos. Probablemente será unha oportunidade para facelo con financiamento estatal. Tampouco van chegar os 300 todos xuntos o mesmo día e, por certo, houbo tempo dende o verán do ano 24 de prever esta situación e ir buscando alternativas.
Neste discurso; ademais de esquecer que estas persoas menores que se instalarán aquí son, como o conxunto da poboación migrante, unha oportunidade, unha riqueza – xa que “achegan vida” en todos os sentidos na nosa sociedade: serán novos e novas galegos e galegas que contribúen no eido económico, social, ou cultural- aparece de forma máis ou menos disimulada o racismo.
Para nós, nas declaracións da Conselleira despois da Xuntanza a nivel estatal para tratar este tema, e – velaí o problema- probablemente seguindo un “argumentario” de partido, falou de guetos, e esta é unha expresión que a ultradereita española utiliza para referirse a centros de menores noutras partes do Estado, relacionándoos coa delincuencia, á parte doutras connotacións históricas. Falou tamén de “non sabemos cantos máis virán”, e ese é un discurso moi querido tamén pola extrema dereita española e europea: o medo ao diferente e o medo a “invasión”.
De aí, a gravidade desta resposta política ao goberno central, porque é un síntoma de que o Partido Popular, mesmo aquí que non precisa, nin parece que vaia precisar da ultradereita, vai “mimetizando” este discurso racista. Por iso urxe a rectificación, porque se trata dunha membro do goberno da Xunta, que nos representa a todas as galegas e galegos.