Había moitos incentivos para que non chegasen a un novo pacto. O BNG xa se tiña queixado de que non se cumpriu todo o asinado na pasada lexislatura. Por outra banda, tampouco axudaban os antecedentes próximos, o seu deputado no Congreso, Néstor Rego, non foi precisamente un dos socios centrais do Goberno de coalición. E, sobre todo, a investidura de Sánchez xa non dependía do voto dos nacionalistas galegos, unha vez que se conseguiu o de cataláns e vascos. Que Rego non fose indispensable, puido ser un bo motivo para non chegar a un acordo para os socialistas. En pleno lanzamento do seu novo candidato á presidencia da Xunta, Xosé Ramón Gómez Besteiro, non eran poucas as voces no PSdeG que preferían diferenciarse do Bloque. Afortunadamente, socialistas e nacionalistas preferiron destacar os seus puntos de encontro e, a poucos meses das eleccións galegas, mandaron a mensaxe de que algo semellante se pode acadar aquí. A imaxe de unidade que deron Ana Pontón e X. R. Gómez Besteiro é un activo electoral. Así o deberon percibir o presidente Rueda e o PPdeG, que criticaron con dureza o pacto.
Foto orixinal de Eduardo Parra para “El Progreso de Lugo”
O acordo PSOE-BNG privilexia as actuacións no tecido económico e social, que non é pouco, pero non vai ser suficiente para abordar o marco no que se van desenvolver os comicios galegos. As nosas eleccións van estar determinadas pola tensión entre os que defenden unha España plurinacional, fronte aos partidarios da “nación única e homoxénea”. A cuestión territorial condicionará todo o demais. Este marco coloca todos os partidos galegos diante dunha situación inédita.
Só con xenerosidade e sentidiño BNG, PSdeG e Sumar atoparán como salvagardar a identidade nacional de Galicia
O PPdeG vai ter difícil facer convivir a súa tradicional ‘galeguidade’, un dos seus grandes activos, co españolismo máis extremista no que está instalado no PP. E non digamos tentar dar unha imaxe de autonomía de Alfonso Rueda, coa previsible presenza abafante de Núñez Feijóo, que é o que máis necesita unha vitoria clara en Galicia; perder a Xunta sería un golpe case definitivo para a súa autoridade no Partido Popular.
Os tres partidos da maioría no Congreso, BNG, PSdeG e Sumar, terán unha vantaxe e unha responsabilidade: poderán presentar a alternativa progresista como a proposta “central”, un punto de encontro para a maioría do país, mesmo para os votantes populares. Pero esta alternativa necesaria precisa que os tres sexan conscientes do que está en xogo neste momento. Terán que xestionar con sentidiño as súas diferenzas e as lexítimas tácticas políticas de cada un deles. Terán que facer da xenerosidade, virtude, e só así se poderá atopar unha saída para salvagardar a identidade nacional de Galicia cando se están movendo os marcos da Constitución do 78.