Nos debates de actualidade sobre malas prácticas ou mesmo corrupción na contratación pública, aparece con frecuencia a figura dos “contratos menores”. Sabemos de que se está a falar? Como evitar as corruptelas e favoritismos neste tipo de contratos?

Para evitar o abuso é obrigatorio publicalos de forma que se permita facer consultas e controlar

Todas as administracións usan sempre que poden a contratación menor. Por que? Porque dá unha axilidade enorme á contratación e permite unha selección rápida do contratista. A actividade da administración estancaríase irremediablemente sen os contratos menores. Pero teñen un límite: só se poden levar a cabo por importes inferiores a 40.000 euros nas obras e 15.000 nos servizos ou subministracións. Nestas cifras non se computa o IVE.

Para importes maiores, a administración ten que establecer procedementos de contratación que facilmente levan entre tres e seis meses.

Mentres que os contratos menores implican certa discrecionalidade, os demais contratos implican concorrencia, é dicir, poden participar todos aqueles empresarios que queiran se cumpren os requisitos que cada tipo de contrato esixe.

A discrecionalidade é a capacidade de decidir libremente, dentro duns límites, a quen contratar. Se se realiza con criterio, permite unha selección segura dun contratista do que se teñen boas referencias de contratos anteriores. Pero esa mesma facilidade na contratación entraña o perigo de acudir de forma abusiva aos mesmos contratistas de forma repetida, pechando as portas a moitos non coñecidos e que poderían realizar perfectamente os traballos que a administración necesita.

A contratación menor ten ademais a vantaxe de que os contratos adoitan beneficiar a empresarios locais.

Para evitar o uso abusivo dela, é obrigatorio publicalos de forma que se permita facer consultas por empresa ou por órgano de contratación. Outros límites ou condicionantes poderían ser establecer máximos nas contratacións anuais a un mesmo empresario ou obrigar a alternar invitacións. Son límites e formas de control que serven para evitar a impunidade na contratación, pero que non todas as administracións ou departamentos teñen establecidos.

O gran reto de toda administración é a transparencia. Saber facer públicas as súas necesidades, indicar con tempo futuras contratacións que van necesitar, para que exista unha continua porta aberta a novos autónomos e empresas que merecen ser tidos en conta na contratación administrativa.

A contratación pública ten que servir para cubrir necesidades públicas competencia de cada administración, pero tamén como incentivador da empresa de proximidade, do fomento da conciliación, inclusión social e igualdade laboral, e por suposto, primando na medida do posible os criterios medioambientais.

Calquera partido que goberna debería ser consciente desa necesidade, aínda que só sexa por interese electoral.