Despois desta nova vaga de lumes, aínda cheira a chamusquina, especialmente cando se escoita os representantes da nosa Administración falando do acontecido.

“Non todo son árbores”

O presidente da Xunta de Galicia informou de que, nas zonas afectadas, “non todo son árbores”, “máis do 60% é mato”. Declaracións moi pouco afortunadas cando moitas persoas sofren perdas irreparables e coas que, ademais, se pon en evidencia o escaso coñecemento do noso patrimonio natural e dos valores ambientais das matogueiras (e tamén dos rochedos), moitas delas hábitats de interese comunitario, ou mesmo de conservación prioritaria, protexidas pola normativa vixente e que son competencia da Comunidade. Estes hábitats, ignorados polo presidente, acubillan unha gran variedade de especies de flora e fauna endémicas e/ou ameazadas.

Primeira visita: un TECOR

A conselleira de Medio Ambiente fixo a súa primeira aparición pública visitando o terreo queimado dun TECOR, e informou de que a Xunta poría a disposición dos afectados axudas para recuperar terreos e hábitats cinexéticos, así como diferentes tipos de infraestruturas de uso público localizadas dentro da Rede Galega de Espazos Protexidos.

“A Xunta está de perfil en materia ambiental”

Nin unha mención á situación deses espazos protexidos, nin un esbozo das primeiras medidas de restauración de hábitats, nin unha proposta de actuacións para axudar á fauna silvestre, nin recordo da normativa de limitación de usos en zonas queimadas, nin tan sequera a posibilidade de adoptar medidas extraordinarias para a periferia das zonas máis afectadas… Nada que indique que todos eses outros asuntos tamén entran no ámbito das súas competencias.

“Fuegos técnicos”

Na súa comparecencia no Parlamento, o presidente informou de que se poderá actuar na Rede Natura 2000 “mediante fuegos técnicos entre abril e xuño (agora din entre marzo e maio) para reducir os riscos de focos no verán, ademais de elevar do 20 ao 30% a superficie que se poderá desbrozar e do 5 ao 10% o máximo no que se poderán facer queimas”.

Plantexar estas actuacións drásticas e xenéricas, especialmente co uso do lume, nos poucos espazos protexidos galegos, e ademais na época máis crítica para as especies —coincidindo co período de repouso invernal e de inicio da reprodución— é unha proposta irresponsable, contraria aos obxectivos de conservación e que volve poñer de manifesto o escaso interese polos espazos protexidos, que son competencia da Comunidade.

Lobos e lumes

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente tamén dixo no Parlamento que “os cabalos, vacas e ovellas soltos nos montes axudan a limpalos e protexelos fronte aos incendios, pero os lobos que se alimentan deles contrarrestan ese efecto”.

A teima deste Goberno galego co lobo vén de lonxe, pero considerar ao lobo case como incendiario porque se alimenta de herbívoros domésticos que “limpan” o monte é unha auténtica aberración.

Quizais a conselleira non avaliou completamente o alcance das súas palabras e non se decatou de que, coas actividades cinexéticas, tamén se eliminan os herbívoros silvestres que axudan a “limpar” o monte; polo tanto, dentro das súas competencias, tamén debería intervir limitando as actividades cinexéticas para protexer o monte fronte aos incendios.

De Medio a Cero

En resumo, un cúmulo de despropósitos desde o punto de vista ambiental que amosan que a Xunta, que debería velar e garantir a conservación do noso medio natural, está “de perfil” en materia ambiental, levándonos a pensar que o máis acertado vai ser falar da Consellería de CERO Ambiente, porque o de Medio vénlle excesivamente grande.

Sociedade Galega de Historia Natural. Dende 1973 estudando, divulgando e defendendo o medio natural galego.

www.sghn.org