(grande amore)

“Castelao morreu en 1950 afirmándose no
republicanismo que el situaba xa, ao lonxe,
…O seu nacionalismo non resultou
diminuído nin pola vellez, nin pola doenza”

(X.L. Méndez Ferrín ).

Imos na celebración dos setenta e cinco anos do facerse vida eterna, como diría Manuel María, de Daniel de Rianxo, Castelao de Galiza. Toda unha vida ao servizo do pobo (do) galego e así á determinación desta nación (ela) soberana. Podemos dicir, como fai a profesora Pilar García Negro, que o de Daniel foi “toda unha vida sempre en Galiza. El, fose onde fose, nunca silenciou, o diálogo con ela”. Dicir pois, que a Daniel, no seu andar vital, pensamento e obra, non podemos facelo algo inaccesible, nin insuperable. Daniel será na autenticidade (palabra da que tanto gustaba o irmán maior de Balbino de Gres, Pepe Neira Vilas), na exemplaridade, un referente esencial para as intuicións deste pobo; el posto no horizonte, no futuro, no que a estrela liberadora brille para (en) nós e que a palabra natal da nosa cultura non cale, nin se inhiba, por moito que as mans podres dos podres se poñan nas nosas bocas por silenciarnos. Ollo, que nisto, non hai vinganza, nin maldade, nós falamos de identidade, dignidade e xustiza.

Deixou as aspiracións, a construción de Galiza nas mans das xeracións novas, para que as alarguen

En (con) Daniel temos que existir; non basta a nostalxia. Hai que adaptar o seu discurso local, global, nacional, ao facer e ás propostas do presente, xa postos no futuro. E para iso haberá pretextos para coñecer a Daniel, gustar del (contextos), para amándonos, amalo (grande amore), e non calar e movernos, pois como referente, (seguindo a P.García Negro), constitúe “unha personalidade pública na cal se unen dous dominios: o da arte -plástica e literaria- e o da actividade política, como representante maior do nacionalismo da primeira metade do pasado século”.

Daniel está vixente. El é un galego que desde onde estea, fálalle a Galiza. E axuda buscar saídas, pero avanzando (como A. Bóveda, agardando, pero andando). Nunca baixou a garda. Nunca perdeu o sentido da vida. Sabelo é compartir a súa proposta de ideas. Por iso, por amor a este pobo, debemos participar nelas para nos facer “sermos máis”, sentirnos máis vivas e vivos, e seguir avanzando sen nos ver na soidade. Queremos, desde o grande amore, desde o saber de Daniel, exercer sensibilidades para loitar pola igualdade e nacionalidade de quen somos, para non ter que xogárnola nos tempos a vir?

As aspiracións, a construción, dereitos e deberes, de Galiza, Daniel deixounas, como explica X. C. Garrido, nas mans das xeracións novas para que as ensanchen e prolonguen. Setenta e cinco anos logo. Son tempos dunha nova xeira que as recolla.

Defenderemos na loita, que a memoria de Daniel estea ben viva?