Para pinchar unha árbore pódese usar un machado ou unha serra mecánica. Moralmente non é mellor facelo dun xeito ou doutro pero, iso si, cada ferramenta necesita dunha organización social diferente. Tampouco cobrar o salario nun sobre na empresa ou por medio dunha transferencia bancaria é moralmente mellor ou peor pero, tamén, cada forma de cobro reflicte organizacións sociais diferentes. Na sociedade que vivimos non cobramos, nin pagamos impostos, nin mesmo podemos comprar sen ter unha conta nun banco.
os movementos contra o peche de sucursais abriron o debate sobre esta nova forma de exclusión
En 1880 o concello de Vigo decide crear unha Caixa de Aforros para “proporcionar ás clases pouco acomodadas medios […] e recursos con que atender as súas urxencias e necesidades”. Tan importante como a Caixa foi o Monte de Piedade que tiña por obxectivo “a desaparición dos vituperables negocios das casas de empeño onde se practicaba a usura”. Uns vinte anos despois, en 1902, o Círculo Católico de Obreiros de Ferrol promove a Caixa de Aforros do Círculo Católico que se convertería uns anos despois na Caixa Xeral de Aforros e Monte de Piedade de Ferrol. As dúas primeiras caixas chegan algo tarde a Galicia. Orixináranse en Europa a finais do século XVIII aínda que a súa expansión prodúcese no XIX. A estrutura que tomaron e a lexislación variaba de país en país pero todas tiñan en común que non podían repartir dividendos entre os socios polo que os beneficios eran investidos na Obra social e en garantir a continuidade da institución.
A campaña “Soy mayor, no idiota” lanzada polo médico Carlos San Juan esixindo atención personalizada nas sucursais bancarias, ou os movementos contra o peche de sucursais no rural galego, conseguiron poñer no debate público os aspectos máis crueis desta nova forma de exclusión. Pero non nos podemos enganar, non é un problema de persoas maiores ou de habitantes do rural. As “clases pouco acomodadas” necesitamos “medios e recursos con que atender as nosas urxencias e necesidades económicas” nunha sociedade ‘hiperbancarizada’. Precisamos poder escapar dos “vituperables negocios onde se practica a usura”, se cadra hoxe poderiamos dicir “comisións de mantemento”.
Visto que o Goberno central só opta por un novo ‘Protocolo de boas prácticas’ acordado coa gran Banca e que á Xunta prefire subvencionar caixeiros automáticos, se cadra e o momento de que, 140 anos despois, Concellos, asociacións sociais e empresarios filantrópicos (hoxe dicímoslle Responsabilidade Corporativa) forxen unha nova alianza para crear unhas novas institucións de crédito sen ánimo de lucro e con finalidade social. Non nos van solucionar a vida ás clases pouco acomodadas pero faríaa algo máis doada e diminuiría as novas formas de exclusión.