“Alcalde, todos somos contingentes, pero tú eres necesario!”, dicían en Amanece que no es poco. Co mesmo goce e entusiasmo, recibían a Núñez Feijóo os militantes e simpatizantes do PPdeG; como non se estila en política a finura dos diálogos que tiña José Luís Cuerda, convertíano en aquilo de “Presidente!, Presidente!” sen meterse en fonduras teolóxicas. Pero a intención era a mesma: Feijóo era o necesario, o que permanece; o resto, figurantes. Claro que na política que nos toca vivir, ata o necesario é mera posibilidade e xa vai Núñez Feijóo camiño de Madrid. Vaidades persoais á marxe, é un acontecemento maior na vida política galega. Nos últimos doce anos, Feijóo, condicionouno todo: o debate electoral, as estratexias dos partidos, as políticas públicas etc. Só por iso é necesario darlle unha volta a como vai quedar o panorama político do país e intentar divisar por onde pode evolucionar na medida que racionalmente se poida.

O contexto

A dificultade principal para poder prever que pode pasar en Galicia logo da marcha de Feijóo está no imprevisible, caótica e, en boa medida, incomprensible que se volveu a política contemporánea. Con esta afirmación comeza o novo libro do politólogo Ignacio Sánchez Cuenca (El desorden político. Catarata, 2022) e con esta premisa sempre presente é como se debe intentar entender o que pode pasar. E, ademais, a guerra.

Nos últimos doce anos, Feijóo condiciono uno todo na vida política galega

A guerra de Ucraína é o gran asunto dos nosos días. Xa cambiou todo o sistema no que viviamos e aínda non sabemos ata onde van chegar as modificacións que padeceremos. Os horizontes menos malos [sic] que se barallan son: unha guerra longa de ocupación en Ucraína –un Afganistán II– ou un foco de tensión con armamento a esgalla na mesma fronteira da Unión Europea. É dicir, que o menos malo é que non haxa unha guerra nuclear.

En Galicia non imos escapar dos efectos económicos da invasión de Ucraína nin de como vai afectar ao ánimo dos galegos no comportamento electoral etc. Todo iso terá repercusións no panorama político e de como será a substitución de Feijóo á fronte do Goberno galego.

Nos próximos artigos tentaremos debullar os distintos aspectos da transición, que pasan pola chegada do vicepresidente Rueda á presidencia da Xunta, o que levará aparellado o liderado do PPdeG. A Rueda espérao un momento crucial, o seu paso polo estreito de Escila e Caribdis: as eleccións municipais do 2023. Un mal resultado espertará todas as tempestades hoxe acougadas. Eleccións municipais que tamén serán esenciais para construír a posible alternativa aos populares… e todo pendente da guerra en Ucraína e de se Pedro Sánchez adianta eleccións.