En 2005, despois da derrota de Fraga e a formación do goberno de coalición PsdeG/BNG, na esquerda e no nacionalismo, pero tamén na propia dereita, reinaba a idea de que o PP de Galicia íase desfacer como unha pedra de azucre unha vez perdido o ‘Poder’ pois ese era o único adhesivo que o mantiña unido. Interpretábase que a crise anterior, a provocada pola escisión de Xosé Luís Barreiro e a moción de censura a Fernández Albor, só se superara pola participación excepcional de Manuel Fraga, pero agora xa non habería máis ‘Fragas’ que os viñeran rescatar. Catro anos despois, en 2009, o PPdeG demostrou que era unha organización cunha enorme lealdade interna e unha capacidade de reinventar a súa oferta electoral tal que os levou de novo ata Xunta.

que a transición fora “dirixida” non quere dicir que Rueda teña por diante un camiño de rosas

En 2022, os populares galegos vense na necesidade de atopar un recambio para outro líder carismático, Núñez Feijóo, que mesmo concentrou máis poder partidario que o propio Fraga. O PP de Fraga tiña un aire de organización algo medieval, cun rei que convivía con poderosos señores: os Cuiña, Baltar pai, Cacharro, Romay etc. Para ben e para mal, o partido de Feijóo conxurouse desde o primeiro momento contra calquera tipo de liderados alternativos. Esa aparente excepción que é Baltar fillo palidece ante calquera comparación coa autonomía que tivo o seu proxenitor.

A solución a esta terceira remuda é Alfonso Rueda Valenzuela. Rueda é o punto de encontro entre o líder saínte, aínda con moito poder, e as elites do partido. Pódenselle facer moitas críticas ao proceso desde un punto de vista democrático pero non foi algo moi diferente do que pasa, por desgraza, no resto das organizacións políticas do país. Pero que a transición fora “dirixida” non quere dicir que Rueda teña por diante un camiño de rosas, nin que sexa máis fácil de derrotar como pensa unha parte da oposición.

Agora, Rueda, ten que recompoñer o equilibro entre os notables, o que non lle vai ser moi difícil aínda que non contente a todos, e definir como vai ser a súa estratexia electoral para as autonómicas; a campaña empezará o día da súa toma de posesión. Van ser uns meses doces na presidencia do PPdeG. A proba do nove para o seu liderado chegará coas locais de 2023. Se non se manteñen os resultados actuais, se se perde – o que non é imposible – a Deputación de Ourense, Rueda pode ser un líder efémero e aflorarán todos os agravios ata agora agochados. Que pase unha cousa ou outra dependerá del pero tamén do que faga a esquerda e o nacionalismo, e diso falaremos na terceira entrega.