Leva tanto tempo gobernando en Galicia o PPdeG que en moitos ambientes se impuxo a idea de que os populares son o goberno “natural” do país. Calquera análise sosegada do comportamento electoral dos galegos dinos que isto non é así, e se alguén o sabe mellor ca ninguén son os estrategos do propio PPdeG. Nos moitos balanzos que se fixeron das maiorías absolutas que acadou Feijóo, en poucos se destacou que o seu mellor resultado foi na súa primeira vitoria, en 2009, con 789.427 votos. O peor, nas últimas de 2020 cando con menos votos que nunca, 627.762, tivo tantos escanos como sempre, 42.

Haberá alternativa se buscan os temas nos que pode haber acordo e non insiste nas liñas vermellas

Naquelas eleccións de 2009 dérase unha participación récord, case un 65%, e foi decisivo o voto máis identitario español que mobilizou Galicia Bilingüe, unha operación na que Alfonso Rueda foi un actor decisivo. Hai dous anos, Feijóo conseguiu a maioría absoluta cunha participación do 48,97%. Probablemente o seu gran mérito foi desmobilizar o voto ultra, a pesar que, nas xerais do 2019, Vox xa conseguira 116.381 votos e tiña opcións reais de entrar no Parlamento. Que facer coa ultradereita vai ser o problema central de Rueda para o 2024.

Outra incógnita é se Rueda terá enfronte unha coalición de facto, como tivo Fraga no 2005, ou se se volverá a enfrontar a partidos para os que gobernar non é o seu obxectivo principal, como lle pasou tantas veces a Feijóo. En 2005, calquera elector sabía que, se votaba PSdeG ou votaba BNG, o resultado inmediato ía ser a derrota de Fraga. Realmente, a alternativa descansou en tres partidos: o socialista, o Bloque e unha masa informe de cidadáns, que ían desde centristas cansos do vello patrón a votantes radicais, pasando por abstencionistas sistemáticos nas eleccións galegas.

A política, e a sociedade, cambiou moito nestes quince anos desde a última alternativa gañadora en Galicia. É verdade que o voto é máis volátil, que medrou a polarización, etc… Pero algunhas verdades da vella política seguen vixentes, a principal: hai que ofrecer unha alternativa real. Saberemos se a hai se nos meses anteriores temos a sensación de que BNG, PSdeG, e o que invente Yolanda Díaz, van gobernar xuntos sexa quen sexa o que quede de segundo, ou de terceiro; se os líderes buscan os temas nos que pode haber acordo ou destacan as liñas vermellas que os diferencian ou se os gobernos dos concellos se forman axiña e sen grandes tensións, mellor cun acordo galego que pactos locais. Isto será o necesario, non será abondo, para que se produza un cambio na Xunta pois a lternativa será que naturalmente volva gobernar o PPdeG.