O presidente do Senado non se quixo meter en leas. Estaba de visita oficial ao Parlamento galego e para quitar de enriba as preguntas sobre o senador Alberto Núñez Feijóo, espetoulle ao xornalistas: “Máis aló doutras cuestións, (Feijóo) poderá presentar os problemas de Galicia”. Estritamente o presidente do Senado ten razón; o senador Feijóo pode preguntar, interpelar ou presentar calquera iniciativa con relación a Galicia… O mesmo ca Rubén Villacampa, senador por Huesca, ou calquera dos membros do Senado. Porque o importante, o problemático da elección do expresidente, son “as outras cuestións”.

o custe para solucionar os seus problemas é cargarse a idea do que debe ser un “senador por Galicia”

É verdade que a designación de Núñez Feijóo como senador pola C. A. de Galicia solucionou varios problemas. Por unha banda, permite que debata cara a cara co presidente Sánchez, o que é boa cousa para saber que propón cada quen, e, pola outra, soluciona o problema do soldo de Feijóo e do seu secretario xeral, Miguel Tellado, aforrándolles uns cartiños aos populares, cousa importante para o PP, pero moi menor para o resto. Claro que tamén hai que dicir que o custo para solucionar estes problemas é cargar a idea do que debe ser un “senador por Galicia”.

Case ao mesmo tempo que o presidente do Senado facía esas declaracións, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aseguraba que mantén a “oferta” de que “goberne a lista máis votada”. E engadiu, “É o normal, o lóxico e o que todo o mundo entendería moitísimo mellor”.

Recoñezo que non son quen de poder explicar como se pode repetir unha e outra vez este debate sobre a ‘lista máis votada’. Por unha banda, hai algo de hipocrisía, pois nunca se aplicou (sen ir máis lonxe, lembrar que Jácome é alcalde de Ourense co apoio do PPdeG, cando os de Jácome son terceira forza na cidade) e, pola outra, non ten base legal ningunha: todo o noso sistema legal baséase non nos votos recibidos, senón no número de deputados ou concelleiros que acade cada partido.

Outra cousa sería propoñer cambiar o sistema electoral para evitar disfuncións como que un deputado por Lugo represente a uns 24 500 electores e pola Coruña a case o dobre, 43 500. Pero iso é unha leria na que ninguén se quere meter.

E así, pouco a pouco, enguedéllase o debate público e as palabras van deixando de significar algo concreto e común e só dependen da intención de quen as diga. Iso si, os analistas dos parladoiros laiaranse de como medra a desconfianza dos cidadáns nas institucións e na política.