Se cadra, o máis rechamante das reaccións á noticia de que o galego xa non é a lingua maioritaria do país foi a sorpresa. No fondo, nos datos do IGE, non hai nada que non nos viñera avisando Henrique Monteagudo nos informes da Real Academia ou mesmo, poñéndose algo melancólico, no Informe dramático de Alonso Montero de 1973. Por certo, un texto que despertara unha reacción desmesurada desde o nacionalismo. Unha xenreira que máis parecería motivada polo dominio político do campo da lingua —Alonso era do PCG— que polo informe en si.
Manifestación queremos galego
Logo da sorpresa, estendéronse outras dúas reaccións: a desesperación e a ira. Multiplicáronse os “todo está perdido, non valemos para nada”, etc. E, ao mesmo tempo, a busca do culpable, que non podía ser outro que o PPdeG e o Decreto de Plurilingüismo. Non vou ser eu quen defenda aos populares, responsables en gran parte da situación, pero moito me temo que non vai ser dabondo un cambio na Xunta para amañar a situación da lingua.

Cando a depresión e a ira amainen, haberá que reflexionar, como nos dicía Antón Reixa. Analizar e actuar desde os datos que hai, non desde os que nos gustaría que houbese, e actuar coñecendo as forzas que temos, non desde as que deberiamos ter.

Para recuperar o galego necesítanse complicidades e imaxinación

Isto leva a dous comentarios. O primeiro, político. A estratexia a prol do galego ten que ter en conta que o PPdeG é o partido hexemónico en Galicia, nas institucións e no tecido social. Por outra banda, non hai posibilidade real nestes momentos de que o PPdeG poida separarse moito da vaga centralizadora do PP. Non son tempos para un novo Plan de Normalización coma nos tempos de Fraga. A estratexia terá que diferenciar entre a retórica de máximos nos debates no Parlamento e os acordos pequenos. Atribúese a Romanones aquilo de “Fagan vostedes as leis e déixenme a min os regulamentos”; o pequeno sector da boina, o do propio conselleiro de Cultura Xosé Campos, pode aceptar e impulsar cambios aparentemente menores, como aumentar as excepcións ao Decreto, mellorar os financiamentos, etc.

Pero, aínda que o poder da política é grande, non o é dabondo, precisa da complicidade social. E sobre a complicidade social temos un caso de éxito do que copiar: Nunca Máis. Na etapa boa, Nunca Máis era informe, non tiña dirección disciplinada… pero era enormemente eficaz. Cando se lle quixo dar forma e control, alá foi. Para recuperar o galego sobran sectarismos, necesítanse complicidades e imaxinación. Hai que aprender dos que saben: “O que poida facer, que faga; o que se poida mover, que se mova”.