“o principal asesor de Altri é Acento, a empresa de lobby de Xosé Blanco”
Tamén é importante levar á praza pública que a macrocelulosa non é unha cuestión local pois as súas consecuencia ímolas padecer todos, aínda que só sexa porque ese diñeiro se podería gastar nun proxecto modernizador de verdade. Afortunadamente a mobilización na Ría de Arousa e ao longo do Ulla xa está minimizando esta forma de presentar o debate desde a Xunta. Un exemplo do intento de facer pasar por local un problema de todos foi ver como, nos días seguintes ás eleccións ao Parlamento europeo, se lle dedicou moito espazo aos resultados nos concellos da Ulloa insinuando que a vitoria do PP era un apoio á instalación de Altri.
Dúas leccións sobre isto dos tempos do Prestige. Nas eleccións locais despois da Marea Negra, o PP gañou en gran parte dos concellos de Galicia, incluída na Costa da Morte, pero uns meses despois, nas autonómicas, quen gañou foi Touriño e Quintana. A análise electoral groseira pode producir bos lemas de propaganda pero entende mal os movementos de fondo da realidade. E outra que é un recordo persoal, naquel momento o que máis preocupaba na sede do PPdeG non eran as grandes manifestacións en Vigo ou Santiago; n¡n as protestas da xente do mar. O que alarmaban eran as manifestación de Ourense, Lugo … un conflito local éralles difícil de manexar pero non imposible, un conflito nacional era outra cousa.
Tamén desde aquela sabemos que para facer un movemento vitorioso non sobra ninguén. Nos seguintes días da manifestación de Palas, abundaron as críticas, lexítimas, e os insultos, fóra de lugar, ao PSdeG e ao seu líder Besteiro por non asistir. O PSdeG sofre intensas tensións sobre que facer. Tensións internas e externas; non se pode esquecer que o principal asesor de Altri é Acento, a empresa de lobby de Xosé Blanco que se move de marabilla na trama administrativa e política de Madrid e Galicia. Non se sabe que decidirán ao final pero o certo é que insultar a quen podes necesitar de socio nunca foi unha boa estratexia.