Non hai máis dun ano, Núñez Fejóo proclamaba aos catro ventos que aquela era a súa última campaña electoral á presidencia da Xunta. A finais do pasado mes de maio, a retranca substituíu á contundencia cando na Cadena Ser a xornalista Aida Pena lle preguntaba se pensara xa nunha quinta maioría absoluta en Galicia. “Eu estou pensando na Galicia do ano 22”, dixo e cando a xornalista lle fai ver que contestando así non descartaba esa posibilidade, Feijóo riu e calou. Como nunha porta de dúas follas, Feijóo abriu o poxigo: a casa segue pechada pero tamén un pouco aberta.

Nunca un presidente tivo tanto poder

A chegada de Feijóo á presidencia da Xunta cambiou radicalmente a cultura de goberno que se fora desenvolvendo na autonomía galega. Non houbo nunca un presidente con tanto poder persoal. Non se pode comparar cos dous breves gobernos de coalición de González Laxe ou Pérez Touriño nin, mesmo, cos de Manuel Fraga que presidía unha confederación de baróns con poder real; eran os tempos dos Cuíñas, Cacharro Pardo, o ‘vello’ Baltar, …. De feito na esquerda e no nacionalismo fantasiábase cun desmembramento do PP cando Fraga faltara, medo que tamén habitaba na propia dereita, o que faría imposible unha nova maioría conservadora. Feijóo non dubidou, só habería un referente, só mandaría un.

A estratexia funcionou. Nunha recente enquisa do Instituto Sondaxe, case as tres cuartas partes dos galegos (72,40%) son incapaces de dicir o nome dun só conselleiro; nos barómetros de Sondaxe Feijóo supera o 94% de coñecemento. Intúo que en moitas das cidades do país son moitos os que non saberán dicir quen son os líderes locais conservadores. Realmente un prezo moi alto. Nunca o PPdeG tivo tan pouco poder local e mesmo para gobernar a única deputación que controla necesita aliarse cun personaxe como Gonzalo Jácome.

A permanencia de Feijóo no poder non se explica só polo control absoluto do partido e da administración. Non é menor que nunca se tivo que enfrontar dúas veces aos mesmos rivais coa excepción de Ana Pontón. A enorme listaxe dos Touriño, Quintana, Beiras, Jorquera, Pachi Vázquez, Villares, Leiceaga, … non fala precisamente ben da capacidade da oposición para formar unha alternativa.

No 2024 Núñez Feijóo levará 15 anos como presidente da Xunta, igualará o record de Manuel Fraga. Por idade, case unha cuarta parte dos galegos, segundo as proxeccións do IGE, non terán consciencia persoal de que houbo algunha vez outro presidente na Xunta. Terá 62 anos. Agora abriu o poxigo.