Co paso do tempo, esa práctica foise reducindo, grazas ás normas sobre subvencións no Estado e en Galicia, así como ao labor dos órganos de control de cada unha das Administracións Públicas.
Cómpre tender a que as concesións de axudas se fagan mediante concorrencia.
Tamén é certo que existen motivos excepcionais que amparan as subvencións nominativas a entidades a través dos Orzamentos, pero os criterios que motivan esa decisión deben ser restritivos para evitar abusos. Cómpre tender a que as concesións de axudas se fagan mediante concorrencia, é dicir, permitindo que todas aquelas entidades que se dediquen a un mesmo fin, e sempre baixo uns requisitos mínimos de solvencia, poidan presentarse para levar a cabo actuacións que, por interese público, entendemos que deben ser incentivadas pola Administración e para as que esta carece de medios propios.
Imaxinade que sodes membros dunha asociación que leva moitos anos traballando arreo polo ben común. Durante moito tempo, tivestes a fortuna de obter de forma directa unha axuda dunha Administración Pública. Pero chega un día no que se vos informa de que, a partir dese ano, esas axudas se van convocar “en aberto”, de maneira que as asociacións que teñan os mesmos fins ca vós poidan concorrer a elas, e que se resolverán mediante criterios maiormente automáticos.
O desánimo pode aparecer entre vós, porque esa seguridade coa que vos viñades organizando anualmente xa non existe. Pero parece preferible e desexable que, como cidadáns, pidamos -e mesmo esixamos- que o uso dos recursos públicos se faga de maneira que todas as entidades capaces de realizar con garantías actuacións subvencionables poidan optar a eles.
Porque, se tedes méritos para recibir esa axuda, é moi probable, e case seguro, que nun procedemento de concorrencia obteñades tanto ou máis financiamento do que conseguiades antes.
Aquelas fotos de despacho nas que o político outorgaba, nun alarde de xenerosidade, diñeiro público de forma directa a unha entidade, retrotráennos a formas de actuar menos democráticas do que nos gustaría.
De aí que cando as Administracións van dando pasos, lentos pero seguros, dedicando recursos públicos a realizar actuacións desexables para todos e habilitan procedementos nos que se poden presentar e son valorados con criterios consistentes e procedentes, deberan ser valorados por todos nós, máis alá da nosa ideoloxía.
O contrario é caer nun comportamento tribal no que só aplaudimos aos nosos. Se seguimos na teima de obter axudas de forma directa, cando o realmente meritorio é conseguilas en concorrencia, algo falla.
E posiblemente algo falle cando só vemos “partidos políticos” e nunca vemos a “Administración Pública” de todos.