Cen mozos e mozas de 5 países fan o Camiño de Santiago para promover as eleccións europeas. Foto Parlamento Europeo
A presenza no europarlamento só sería un exercicio de resistencia.
Tradicionalmente o nacionalismo, con excepcións como Camilo Nogueira, e a esquerda máis radical en xeral, ven a UE como pouco máis que unha fonte de políticas neoliberais. A presenza no europarlamento só sería un exercicio de resistencia. Un xeito de conseguir un altofalante das reivindicacións galegas ou unha fonte de financiamento. As propostas positivas non pasan de lemas como a Europa dos pobos fronte a dos Estados (sic)
O PPdeG mantivo tradicionalmente posicións máis positivas. Mesmo, nos tempos de Manuel Fraga, Europa, foi un eixo importante das súa estratexia. Daquela moito se ten falado do Comité das Rexións ou mesmo creárase a Fundación Galicia Europa. A UE estaba máis ou menos presente na estratexia dos populares, outra cousa é a eficacia das políticas desenvolvidas que foron máis que cuestionables. Este esforzo foise debilitando no tempo. No PP actual cada vez máis centralista, e mesmo cos aliñamentos coa ultradereita antieuropea, hai grandes dúbidas sobre que pode pintar Galicia en todo isto para eles.
Un dos paradoxos da acción internacional é que precisa dunha estratexia nacional. Saber quen es e que se pretende é imprescindible para asomarse ao exterior. As grandes eivas do PSdeG para formular unha alternativa galega dificultaron a súa proposta de que facer con e na UE. Apenas prolongaron os posicionamentos do PSOE para o que desde Felipe González ata Pedro Sánchez Europa é unha cuestión central.
Con este panorama afrontaremos as eleccións europeas de xuño. Unhas eleccións fundamentais para o futuro da UE como a coñecemos. A nova Comisión e o novo Parlamento deberán enfrontarse á un Putin cada vez máis agresivo, ao posible ascenso de Trump e a elementos antiliberais como Marine Le Pen, Meloni, Abascal, etc ..
Entrarán estas cuestións na axenda galega? Debateremos sobre elas e trataremos de influír? Miraremos o mundo desde aquí para ser Nós no mundo ou seguirán sendo cousas dos outros?