O III Encontro Burla Verde pola Defensa da Terra foi un espazo de achegamento, de resistencia, de aprendizaxe e de celebración, que tivo como obxectivo unir as persoas e os colectivos na defensa da terra e da vida, visibilizar as súas loitas e ofrecer alternativas ao modelo extractivista, opresor e saqueador que ameaza o rural e a natureza de Galiza.

Somos un grupo de persoas preocupadas pola destrución e polo saqueo da nosa terra, que recollemos o testemuño da anterior edición, celebrada no Courel, e parécenos importante permanecer conectadas e seguir facendo presión todas xuntas contra os proxectos saqueadores que nos ameazan.

Encontro festivo e reivindicativo: o III Burla Verde pola defensa da Terra e da vida

En setembro de 2025, Vilanova dos Infantes (Celanova) converteuse no epicentro dun encontro festivo e reivindicativo: o III Burla Verde pola defensa da Terra e da vida.

Semella que Galiza está considerada unha terra de sacrificio na que todo vale. Os beneficios económicos dunhas poucas empresas non son xustificación suficiente para arrasar cos montes ou substituír as fragas, cheas de vida, por monocultivos baleiros. Non se trata só da destrución da paisaxe, enchéndoa de polígonos eólicos en cada serra na que bata o aire, e agora tamén no mar, de minas, de plantas de biogás ou dunha macropapeleira como Altri. Trátase tamén da eliminación dos nosos últimos ecosistemas funcionais e dos servizos que nos proporcionan de balde (coma auga ou aire, sen ir máis lonxe), dos derradeiros espazos naturais e do asedio a un xeito de vida rural que cada día o ten máis difícil para sobrevivir.

“O modelo extrativista, opresor e saqueador que ameaza o rural”

Neste III encontro houbo todo tipo de actividades. Desde palestras, nas que falamos do impacto dos polígonos eólicos sobre os morcegos; dos efectos da eucaliptización sobre a flora e a fauna; da contaminación das augas da Limia e da Baixa Limia derivada dunha agrogandería insostible; dos impactos do biogás, das macrogranxas e de Alcoa; do fenómeno dos incendios e megaincendios, o seu impacto e o noso papel como sociedade; e de como todos estes proxectos que nos ameazan poden acabar coa biodiversidade e cos recursos dun país. Pero tamén debatemos sobre comunidades enerxéticas, agricultura tradicional, agroecoloxía e custodia do territorio, como exemplos doutros xeitos de habitar a terra sen necesidade de destruíla.

Como non podía ser doutro xeito, tamén houbo espazo para o lecer, con contacontos, feira de artesanía, teatro foro, títeres, obradoiros, concertos e un espectáculo de lume para rematar a xornada. E, por suposto, contamos coa presenza de distintos colectivos en loita.

Desde a organización do III Burla Verde pensamos que o único xeito de enfrontar o modelo extractivista que nos ameaza é desde a unidade e a resistencia, deixando claro aos poderes políticos e económicos o noso rexeitamento a ese modelo que só trae empobrecemento e destrución ao territorio.