Quedamos máis tranquilos, Sr. Presidente, cando nos di:
“…máis do 60% do que ardeu era mato, monte baixo. Tamén había unha parte importante, que vemos cando circulamos polas estradas, de penedos, que tamén computan na superficie” e de que só “o 0,2% da superficie ardida en agosto estaba ocupada por eucaliptos”.

Manifestación na praza da Quintana

O 14 de setembro milleiros de persoas esixiron en Santiago un cambio radical nas políticas forestais, agrarias e ambientais da Xunta de Galicia

Quedamos máis tranquilos… ou non, que diría un ex-presidente ben coñecido seu.

Non foi para tanto… total, uns penedos e monte baixo que parece que non valen para nada. Menos mal que só un 0,2% do queimado tiña eucaliptos!

Sempre se pensou que os penedos non ardían, pero agora arderon…

Sempre se pensou que os penedos non ardían, pero semella que computan como superficie queimada… haberá que descontalos da superficie queimada ou non contabilizalos, a ver se así cumprimos obxectivos.

Sempre se pensou que os penedos non ardían, pero agora semella que se confabularon para levar o lume por predios abandonados, soutos, viñedos, carballeiras, pasteiros e piñeirais… será que temos o monte abandonado ou que abandonamos o monte?

Sempre se pensou que os penedos non ardían, pero agora espallaron o lume por quilómetros e quilómetros dun monte inzado de pistas, cortalumes, estradas, autoestradas, liñas de ferrocarril, vías de servizo, ríos e regatos… será polo exceso da maldita maleza, esa que parece que non vale para nada?

Sempre se pensou que os penedos non ardían, pero agora deixaron que as lapas acadasen as aldeas… será porque o Goberno central non enviou “medios” ou porque a Xunta non tiña “enteiros” os seus?

Sempre se pensou que os penedos non ardían, pero agora arderon… será que os incendios de agora son de sexta xeración?

Quedemos máis tranquilos, Sr. Presidente… mentres moitas persoas sufriron e sufrirán danos e perdas irreparables, mentres as economías locais quedan tremendo con perdas millonarias, mentres se calcinaron algúns espazos senlleiros e mentres as perdas para a biodiversidade (si, tamén existe biodiversidade máis alá das especies cinexéticas) son incalculables e de difícil recuperación.

A próxima non tardará, se nada cambiamos. Pero… quedamos máis tranquilos… ou non, que diría un ex-presidente ben coñecido seu.

SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL

Desde 1973 estudando, divulgando e defendendo o medio natural galego
www.sghn.org