Este artigo é, en parte, produto da Esperanza. Se queren, do optimismo da vontade. Está escrito no medio da gran crise institucional provocada polo sector conservador do Tribunal Constitucional. Impedirlle ao Parlamento español debater o xeito de elixir os membros do TC abre un período de incerteza tal que case calquera escenario parece posible. Con todo espero que a racionalidade, o sentidiño, se impoña e que saiamos desta con mazaduras democráticas varias pero nada máis.

A columna quere falar das elección locais. Iámolo facer, ímolo facer, pensando que seguiremos nun tenso e aburrido escenario democrático; que, mal que ben, se vai resolver a crise do TC; que en maio teremos que elixir novas corporacións e que non haberá ningunha urxencia que as convertan en pseudoplebiscitos.

A maioría absoluta no Parlamento disimula o devalo dos populares nas vilas galegas

Non hai datos que permitan pensar en grandes sorpresas. Mirado de forma global, a grande incógnita é se o PPdeG pode mellorar ou non os seus resultados de hai catro anos. A maioría absoluta no Parlamento disimula o grave devalo dos populares nas cidades e vilas galegas. Arteixo, 30.000 habitantes, é a maior vila na que gobernan. O seu outro bastión é a deputación de Ourense na que sobreviven pola alianza co partido de Jácome.

A esperanza, as apostas do PPdeG van centrarse en Ferrol e Ourense. Se Xosé Manuel Rey gañase a alcaldía de Ferrol sería presentado como unha rotunda vitoria en toda Galicia. O de Rey é un caso singular, vai presentarse por terceira vez despois de perder fronte a Jorge Suárez e Angel Mato. Calquera outro partido tería cambiado de candidato e/ou de estratexia. O espazo de Rey é o que é, e a súa vitoria parece depender máis dos erros de PSdeG, Bloque ou Ferrol en Común que de ter anovado a súa oferta electoral.

Ourense, a outra opción do PPdeG, é un mundo de incógnitas. Hai unha contradición entre as poucas enquisas publicadas, que lle dan Jácome un peso decisivo, e a percepción dunha cidadanía cansa de catro anos de escándalos e desgoberno. Populares e socialistas apostaron por dous exalcaldes míticos: Manuel Cabezas e Francisco Rodríguez. Desde os círculos próximos ao PPdeG esténdese a narrativa de que o bloqueo provocado por Jácome racharíase cun pacto Cabezas/Rodríguez pero o relato agocha ao terceiro en discordia de Ourense: Manuel Baltar e o control da deputación. E se Jácome volve ser decisivo na Deputación? A quen sacrificarían os populares, a Manuel Cabezas ou a Manuel Baltar? Pode ser Manuel Baltar un novo Xesús Vázquez?

Se a benevolencia da revista Irimia nolo permite, o próximo mes repasaremos como se afrontan as municipais no resto do país e intentaremos ver como poden influír nas galegas do 2024.