Releo a primeira entrega destas Locais 2023 e recoñezo que me deixei levar polo terrible ambiente que se creou cando o Constitucional irrompeu nas votacións do Congreso. Afortunadamente o sangue non chegou ao río pero a hiperpolarización seguirá presente neste 2023. De feito xa é unha intención declarada do PP presentar as municipais como un plebiscito contra o goberno de coalición. Por iso Ferrol, unha das poucas oportunidades do PP, vai ser tan importante e, se Gonzalo Jácome é decisivo para os populares, non hai esperanza de que se poda evitar que siga mangoneando na cidade. Na lóxica do plebiscito contra Sánchez, pintar de azul o mapa da cidade de Ourense e provincia convertese nun obxectivo maior.
As batallas máis importantes van estar nas vilas e nos concellos máis pequenos
Presentar as municipais como un plebiscito baséase na idea de que quen gaña as locais, vai gañar as próximas xerais ou autonómicas. Pero iso non é exactamente así. En Galicia, por exemplo, o PP foi o partido máis votado no 2003 (as do post-Prestige) pero, dous anos máis tarde, no 2005, PSdeG e BNG conseguen formar goberno. Naturalmente, poder gobernar moitos concellos, deputacións ou autonomías é moi importante para un partido. É unha inxección de moral, aumenta a súa presenza pública, condicionan as políticas que se aplican, etc.. pero unha cousa non leva automaticamente á outra.
Nas municipais debilitase a lealdade ao bloque ideolóxico ou ao partido que se soe votar. Ten moita máis importancia o que os politólogos chaman o voto estratéxico, e aparecen os Abel Caballero, Fernández Lores ou, no seu día Francisco Vázquez na Coruña. É dicir hai poderosas dinámicas locais que chocan coa estratexia do plebiscito. Por iso, e porque o PP segue sen aliados para poder gobernar, e porque nas cidades máis grandes non houbo erros de importancia, non é fácil que vexamos cambios significativos en Vigo, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Lugo, Vilagarcía ou Narón.
As batallas máis importantes van estar nas vilas e nos concellos máis pequenos pois estes van ser decisivos nos gobernos das deputacións. Nas da Coruña e Pontevedra, non se esperan grandes cambios. A de Lugo estará máis disputada e na Ourense todo vai depender de Gonzalo Jácome.
En canto a influencia nas Xerais de final de ano, é imposible, por moito que nos digan as tertulias, saber que pode pasar máis aló dalgunhas xeneralidades. A inxección de moral que pode supoñer para Feijóo recuperar Castela-La Mancha cun novo pacto con Vox pode verse anulada pola reacción que provoque. Por non falar da capacidade da esquerda de dispararse un tiro no pé, o que parece case máis probable ca calquera outra cousa. Así que festina lente na análises políticas.