Como a Lope de Vega cando Violante lle mandou facer un soneto, a Mesa de redacción pídeme unha columna sobre os fondos Next Generation e, coma Lope e sen o seu xenio, nunca me vin en tal apuro. Hai ducias de estudos, e declaracións pero cando se quere saber que facer con eses cartos un mesto neboeiro vai cubrindo o horizonte.
Os fondos Next Generation buscan transformar a economía, non volver ao que faciamos antes da pandemia
Os equívocos son moitos; se cadra o primeiro é que os fondos Next Generation non valen para sacarnos da crise da Covid. Como escribía o meu colega Julián Rodríguez, da crise saímos a pelo tirando da débeda e grazas ao Banco Central Europeo. Os Next Generation buscan transformar a economía, non volver ao que faciamos antes da pandemia. Tampouco poden ser choiva fina, a que lle gustaba a Cacharro Pardo, o mítico presidente da Deputación de Lugo, pola que colocaba puntos de luz, asfaltaba pistas e facía favores electorais pero que no fondo non melloraba nada. Curiosamente este foi o efecto que produciu a decisión do Goberno central de converter ás CC.AA. en portelos que recollían as propostas e logo mandaban a Madrid. A situación era tan esperpéntica que a vicepresidenta Nadia Calviño fixo unha xira polas CC.AA. para pedirlles que indicasen cal eran os “máis emblemáticos”.
Burla burlando xa van dous parágrafos diante, pero pouco parece que se aclaren estes novos fondos europeos. Se peneiramos a información que vai saíndo na prensa, os nosos emblemáticos serían o tratamento de residuos –incluídos os xurros– a xeración de hidróxeno verde e a produción de fibras téxtiles a partir de madeira. A estes sumaríase un plan do Cluster da Automoción, que se chama Plan Áncora, e unha planta de baterías preto de Vigo que competiría coa proposta catalá que semella é a preferida do Goberno. Todo acompañado de moitos muíños para producir máis enerxía eléctrica.
Ademais non hai padriños, socios, ou non os coñecemos. Cando se falou dos novos tecidos que se van tirar da madeira todo o mundo pensou en Inditex e axiña desde Arteixo dixeron que estarían encantados de comprar nunha planta galega se fabricaba a un prezo competitivo. Amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale.
O neboeiro non nos deixa ver con claridade os detalles, pero entrevemos que podemos estar diante dunha desas raras oportunidades que se presentan na vida. Unha que xustifique tecer un acordo mínimo entre os partidos e as organizacións sociais pero non vai ser. Núñez Feijóo, o máximo responsable, sabe que se todo sae ben ten garantida a súa parte da medalla; se saen mal, a culpa será de outros. O PSdeG, enleado nas súas cousas, non ten folgos para apartase da dirección de Ferraz e non parece que o BNG, polo de agora, queira estar na habitación onde se deciden as cousas. Parafraseando a Dostoievski, hai materia para outra columna, pero esta xa acabou.