Neste comezo de ano o ministro Garzón converteuse nun protagonista inesperado en todos os concellos cando o PP de Galicia presentou mocións pedindo a súa reprobación. Para os populares galegos as críticas ás macrogranxas que fixo o ministro no xornal The Guardian son un asunto grave. Para eles era irrelevante que en ningún deses municipios non haxa macrogranxas e tampouco era importante que o ministro defendera as pequenas explotacións gandeiras, que si que son as habituais en todo o país.

Unha posible sanción sería un golpe para a reputación do todo o sector agrario galego

Debater sobre as situación das xigantescas explotacións de Navarra ou Burgos e non polos problemas que si temos, deixa claro que o caso Garzón é simplemente unha lea electoral, non é un debate sobre como se producen os alimentos que levamos para a casa. A crítica a Garzón foi a gran baza do PP na campaña electoral de Castela e León á que o PPdeG se sumou disciplinadamente. Tamén o fixo o PSOE, e mesmo vimos a algún líder socialista galego con declaracións nesa liña. Se cadra cando lea esta columna xa saberemos a quen beneficiou esta estratexia.

Se este enguedelle electoral é malo de entender peor é explicar como se converteu nun asunto importante na axenda política galega. Ao centrármonos nesa manobra electoral ocúltanse os dous grandes problemas que temos no sector: a falta de terras agrarias e que facer cos residuos das explotacións. Para a carencia de solo, a Xunta retomou timidamente a idea do Banco de Terras, que xa non é unha medida bolxevique como cando a propuxera o goberno PSdeG-BNG. Para os xurros a solución proposta vai ser transformalos en metano en plantas construídas con fondos europeos. Esta idea en si mesma non é mala, pero vai facer máis difícil que se lles dean outros usos diferentes. Os xurros poden ser a materia prima para a produción de fertilizantes co que se evitarían as importacións de produtos químicos cada día máis caros.

Claro, que non teñamos “macrogranxas” non quita que non haxa problemas de contaminación, mesmo graves. Sen ir máis lonxe, hai que estar moi atentos ao que vai pasar na Limia coa denuncia da UE polo exceso de nitratos nas augas. Unha posible sanción sería un golpe para a reputación do todo o sector agrario galego. Pagarán xustos por pecadores, desde os que producen en ecolóxico carne ou leite ata a mesma Coren, denunciada como a última responsable do problema, pasando pola imaxe turística dunha Galicia verde e sen polución.

Que o PPdeG apoie a estratexia electoral dos populares en Castela e León é lexítimo pero, lexítimo ou non, ten consecuencias pois, como dicía Ortega, “toda realidade ignorada prepara a súa vinganza”.