“Non hai nada peor ca ser concelleiro na oposición. Inevitablemente, un día un veciño, mesmo unha amiga, vaiche dicir: “Pero como nos tedes a rúa, non hai dereito! É que non facedes nada!”. Tanto ten que fixeses ducias de preguntas, que presentases todo tipo de queixas e alternativas no pleno… Tanto ten. Para moitos, todos somos o mesmo, os que gobernan ou os da oposición”. Así se me queixaba, xa hai algúns anos, un político, daquela na oposición. Seguro que esaxeraba, pero no fondo do seu lamento hai algo de verdade.
A idea sería que os cidadáns soubesen sempre a quen responsabilizar
As democracias son organizacións complexas nas que custa traballo saber quen é responsable de quen. Unha das formas que se utilizan para distinguir mellor quen debe facer algo é a división ‘federal’ das competencias. Son os “estados” dos EUA, as provincias de Canadá, os landers alemáns, as rexións italianas ou as comunidades autónomas, no noso caso. Os nomes cambian e as competencias varían, pero o principio é o mesmo: o estado central ten uns cometidos, nos que non se poden meter as autonomías, e as autonomías outros, nos que non debe intervir o estado central. Por exemplo, a educación. Na maior parte dos casos, é responsabilidade dos estados federados, como pasa nos EUA, ou das autonomías, como pasa en España.
A idea é que os cidadáns soubesen sempre a quen botarlle as culpas, se vai algo mal, ou felicitar en forma de voto cando todo vai ben. Naturalmente, a realidade é máis complexa. Os gobernos centrais sempre tenden a mandar nas autonomías e estas a pasarlles os problemas a eles.
Non hai unha receita máxica para saber quen ten razón neses cruces de reproches, pero si que hai algunhas cousas que nos poden axudar a aclararnos. A principal, se cadra, é ter acceso a unha información o máis completa e veraz como sexa posible. E como non che é doado conseguir eses datos, a sociedade inventou ese estraño oficio que chamamos xornalismo. Os e as xornalistas son os que lle preguntarían ao conselleiro de Educación por que este curso hai menos profesores nas escolas galegas, que é unha responsabilidade/decisión da Xunta, cando este diga que todo o que está mal é por culpa da nova lei de Educación.
Ten que haber xornalistas e medios que publiquen eses datos, que se interesen polo que nos pasa. Se a atención, se o publicado só mira para os “grandes” temas do Estado (o ‘coletas’, a señora Ayuso, Venezuela…), unha espesa sombra se estende sobre decisións que nos afectan directamente. E non son cousas menores.
Un dato, o presuposto da Xunta é similar ao de República Dominicana, superior ao de Islandia ou catro veces o de Mozambique. Saber en que se gasta non é un asunto menor.