Se cadra, por empezar polo obvio, hai que recordar que o Consello da Cultura Galega é unha institución creada polo noso Estatuto de Autonomía, como o Parlamento ou a Xunta. É dicir, non é unha asociación privada como a Real Academia ou o Colexio de Médicos, senón que forma parte do armazón que constitúe o noso autogoberno. Xa sei que non se leva, pero isto implicaría que a relación entre o executivo e o CCG debería ser, como mínimo, respectuosa e, cando haxa que discrepar, facelo con argumentos e non con descualificacións. Pero, cando o CCG elabora un informe contrario á macrocelulosa de Altri, esquéceselles todo iso e, desde o presidente da Xunta ata os conselleiros, pasando polo PPdeG, optan pola descualificación groseira.

A reacción completouse cos hooligans do PPdeG cuestionando nas redes sociais a lexitimidade do CCG

Alfonso Rueda é quen de presumir que non o leu; a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, afirma que non son máis ca opinións de parte, non como os escasos apoios que recibe a macrocelulosa da Academia, eses si, de inmarcesible pureza técnica. A reacción completouse cos hooligans do PPdeG cuestionando nas redes sociais a lexitimidade do CCG para criticar o goberno galego. A furibunda reacción da Xunta deixou en evidencia algo que se intuía: a macrocelulosa pasou a ser un proxecto exclusivo dos populares. Evidencia que se reafirmou ás poucas semanas cando o líder do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, cuestionou o plan da multinacional portuguesa.

Esta decisión de ir eliminando a aparencia de neutralidade e optar por un debate ideolóxico, un combate de “nós e eles”, case unha cuestión de fe, pode darlle ao PPdeG indubidables réditos electorais. Se vai adiante, será o seu incuestionable triunfo; se a UE non achega os cartos necesarios, será por culpa das nefastas influencias do goberno de Sánchez, do BNG, e da ruín vicepresidenta Teresa Ribera. Esta é a clave.

Ao envolver o caso Altri nese enredo, non se discute se construír unha macrocelulosa é o mellor que podemos facer para incorporar o país á nova economía dixital; menos aínda falamos de se está ben que poñamos cartos de todos neste proxecto privado, diñeiros sen o cal nunca se faría, ou se estaría mellor gastalos noutra cousa. En definitiva, se non temos outras alternativas que seguir sendo un país produtor de materias primas.

Pero hai evidencias racionais de que as cousas poden ser diferentes. Este mesmo ano publicouse “Galicia distrito industrial. Conversas con Daniel Hermosilla” de Antón Baamonde, en Galaxia. Achéguense ata el e poderán intuír que outros futuros son posibles. E non me fagan caso a min. Fíense dun dos grandes economistas do noso tempo, Antón Costas, que dixo de Galicia distrito industrial que era “unha revelación, unha epifanía. Espectacular. Lean o libro”. Pois iso.