‘eu tamén defendo a Constitución fronte ao malvado Sánchez’
Na liña de contentar ao seus pode que tamén estea o anuncio do presidente Rueda de crear unha Dirección de Asuntos Constitucionais que, disque, vai servir para “coordinar a defensa da lexislación galega ante o Estado”. Haberá que agardar que fai a nova Dirección pero é difícil imaxinar que sexa algo diferente do que xa se viña facendo desde o comezo da Autonomía. Se cadra o anuncio da nova Dirección só serva para dicirlle á familia ‘vedes, eu tamén defendo a Constitución fronte ao malvado Sánchez’ e para colocar ao noso Toni Cantó ou, e iso sería de máis calado, elixir a un hooligan que comezara unha carreira tola de enfrontamentos na liña Ayuso o que, ata agora, non tiña moita aceptación no país. Dous supostos que non son incompatibles, por certo.
A outra novidade salientable é a creación dunha Oficina Económica que dependerá directamente do Presidente. Era algo necesario, a ninguén se lle oculta que o País necesita unha mirada a medio prazo, que se minimice a choiva miúda de axudas e favores que dicía Cacharro Pardo. Quen sexa o titular da nova Oficina marcará o que vai dar se si. O economista Santiago Lago pedía “que fora unha persoa de alto perfil, que coñeza a administración e sen medo a mover os marcos”. Alguén lle podería dar a Rueda aquel consello que se lle daba ao presidente dos Estados Unidos cando ía propoñer aos membros do Tribunal Supremo: que elixa ao mellor dos seus amigos, non ao seu mellor amigo.
Por desgraza todas as boas intencións dos novos impulsos económicos quedan en cuestión pois o único proxecto claramente apoiado pola Xunta de Rueda na investidura non é outro que a monstruosa celulosa de Altri en Palas de Rei. Poucos asuntos tan feos como este vimos nos últimos anos. É volver resucitar o drama de Pontevedra pero multiplicado por tres ou catro. Un proxecto rodeado de mañas de raposo. Vai botar os refugallos ao Ulla, que depende da Xunta, e non ao Miño, que depende do Goberno Central e este é máis rigoroso ca nosa Administración. Pero pode que sexa o Ulla o que nos salve, cruza o corazón de Galicia e desemboca no mar de Arousa. Altri non vai ser un asunto local. Altri é unha cuestión nacional.