O mesmo día no que se coñecía o nomeamento de Xosé Miñones como delegado do Goberno, Gonzalo Caballero organizou unha sesión fotográfica co ata ese día alcalde de Ames na Alameda de Compostela. O Secretario Xeral do PSdeG necesitaba esconxurar un dixomedíxome que medraba sen parar: “Miñones foi sinalado por Pedro Sánchez. Substituirá a Caballero no próximo Congreso”.
A rexouba levantouse sobre algúns datos certos como a amizade de Miñones e Pedro Sánchez, a boa imaxe electoral do novo delegado ou, o máis importante, que ata agora non tivo consecuencias, pasar a ser última forza no Parlamento, verse superado polo Bloque por cinco escanos nas eleccións de 2020. Algo pouco habitual no PSdeG, que rara vez lle dá unha segunda oportunidade ao seu candidato se é derrotado.
Gonzalo ten unha baza: converter as demandas locais viguesas en proxectos de país
Pero pouco se reparou en que aínda faltan moitos meses para o congreso do PSdeG; tampouco en que as delegacións do executivo son un mal posto para crear un perfil de líder autónomo ou en se o presunto defenestrado tiña algunha marxe de reacción. O PSOE vive unha etapa de renovación profunda e tensa. Canda o cambio na delegación en Galicia tamén se fixo en Andalucía, e alí si que todo apunta a outra gran batalla coa actual líder local, Susana Díaz. A fractura entre os que apoiaron a Sánchez e os que defenderon a Susana Díaz marca todos os conflitos entre socialistas. Tamén no PSdeG. Como explicar senón os destinos de todopoderosos baróns como Xosé Blanco ou Antón Louro?
Pode ser crible, como se publicou, que o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, ‘susanista’ confeso, fose impulsor do nomeamento dun ‘sanchista’ como Miñones?
As fortalezas electorais dos socialistas en Galicia danse na municipais ou nas eleccións estatais. Agás poucas excepcións, ao PSdeG cústalle fixar un perfil galego propio. Conseguilo é unha das bazas que ten Gonzalo Caballero para continuar como secretario xeral: ser máis competitivo nas autonómicas e facer posible a alternativa ao longo mandato de Núñez Feijóo. Se cadra, así se poden interpretar as propostas de mellora e reforma do Estatuto de Autonomía que presentaron os socialistas. Un tema incómodo tanto para o PP como para o BNG, pero non para o PSdeG.
E logo está Abel Caballero. A súa posición terá un gran peso nun hipotético cambio. Os que o coñecen din que as relacións co sobriño son mellores do que se adoita afirmar e, ademais, Gonzalo pode xogar unha baza de enorme importancia no proxecto político do tío e beneficiosa para Galicia: converter as demandas locais viguesas (como a conexión por tren a Porto, a fábrica de baterías etc. ) en proxectos de país.
Se cadra, ao final Miñones ocupa a secretaría do PSdeG; cousas máis raras xa vimos. Pero, desde logo, non vai ser un “meu dito, meu feito”. Moita auga ten que pasar aínda polo muíño do PSdeG.