(Agosto 1945, Bos Aires. Exilio. Extracto do artigo do primeiro número da revista Galeuzca -Galiza, Euskadi, Cataluña. Título “A posición ideolóxica de Galicia”. Texto do “discurso de Montevideo”. Asina Alfonso R. Castelao. )
“Son partidario de falar coas cartas boca arriba. No Estatuto plebiscitado (refírese ao estatuto de 1936) hai que distinguir dúas cousas: o documento en si, forzosamente limitado ás esixencias da Constitución e o desexo de goberno propio e vida libre… que sempre se manifestou democraticamente en Galicia a favor do sistema federal. Aceptamos a constitución de 1931 como punto de partida, pero xamais como tope das nosas aspiracións.
España…, esa unidade xeográfica debe plasmarse en forma de estado federal ou confederal
O Estado español non ten ningunha base que poida chamarse verdadeiramente nacional, como non sexa a vontade de imperio que sobrevive nalgunhas rexións. España non é única e indivisible, porque é plurinacional e, por iso, non debe ser único e indivisible o seu poder político… Os unitaristas republicanos buscan para España a paz, a orde, a xustiza, a liberdade, o progreso…, que nós tamén procuramos. Pero eles toman a España como unha Nación definitivamente constituída…, unha república única, na que a potestade de lexislar resida nunha única cámara. Velaí a grave cuestión. Porque a vontade maioritaria dos españois convertida en único poder lexislativo do Estado anula a vontade dos pobos diferenciados- Catañuña Euskadi e Galicia-.
Nós defendemos o principio de autodeterminación para todos os pobos que souberon conservar a través dos séculos a súa personalidade nacional e, polo tanto, tamén para Galicia, que conserva todos os atributos dunha verdadeira nacionalidade; pero considerámonos autorizados a restrinxir este dereito ao que é racionalmente xusto, conveniente e posible, desbotando de antemán o separatismo… e avogando por unha unión pactada de todos os pobos diferenciados de España, nun Estado plurinacional e republicano, capaz de atraer a Portugal. …O réxime de estatutos non resolve plenamente o problema español, pois baséase na desigualdade dos pobos e mantén hexemonías anacrónicas e servidumes insoportables.
Nós cremos que debe limitarse o número de membros federados ás nacionalidades que souberon conservar a súa personalidade histórica, a súa autonomía moral, porque doutro modo, co criterio voluntarioso de antes, veriamos as rexións de raíz unitaria organizarse en réxime autonómico, sen sentilo nin necesitalo, e ante unha Castela falsamente multiplicada non só romperían os freos da federación, senón que perdurarían as loitas intestinas.
Nós recoñecemos a existencia de España… e entendemos que esa unidade xeográfica debe plasmarse politicamente en forma de estado federal ou confederal, o máis eficiente posible, para lograr o asentamento definitivo e permanente da paz e a concordia. Queremos unha España forte, seria, capaz de enxendrar un destino común, patrimonio de todos, harmonizando nunha coordinación superior todos os intereses de Castela, Cataluña, Euskadi e Galicia”.