Cando andaba polas rúas de Beijing, vía como os pequenos escapaban dela atemorizados. Ao principio pensou que se lles faría raro ver unha occidental ou se sería polo aparatoso hábito das xesuitinas, pero non acababa de quedar convencida. Beijing era unha gran cidade, non estaban nunha remota aldea e, ademais, ás outras irmás non lles pasaba iso, nin tampouco a outros “narices longas” que pululaban pola capital. Non tardou en saber o que pasaba, os nenos chamábanlle “ollos de dragón”, polo seu azul intenso, como os do seu irmán Paco. Ana María dáballes medo, non porque o dragón fose un animal de mala sorte, pois é un símbolo positivo na cultura chinesa, senón porque é un animal poderoso, a representación mesma do emperador.

Regresou a Vigo nos setenta, cando todos os Fernández del Riego se volven xuntar nunha mesma cidade

Ana María Fernández del Riego é a sétima dos once fillos que tiveron Amada e Vicente. O maior era Francisco, Paco, a quen se lle dedica o Día das Letras galegas deste ano; festa que, por certo, foi unha invención súa no 1963. Ten 101 anos, vai facer 102 en setembro. Fisicamente esta moi fráxil, como se pode supoñer, pero cunha cabeza privilexiada. Vive nunha residencia que as Irmás de María teñen en Granada. Estaba en China cando triunfou a revolución de Mao Zedong e permaneceu na nacente República Popular cinco anos, ata que foron expulsadas do país, acusadas de seren espías norteamericanas. De China foi a Hong-Kong, logo a Filipinas, despois a Taiwán, volta Filipinas. Regresou a Galicia, a Vigo, no comezo dos anos setenta, o momento no que todos os Fernández del Riego se volveron xuntar nunha mesma cidade.

Deixou testemuño da súas vivencias en China nunhas memorias, hoxe, por desgraza difíciles de atopar, Ojos de dragón. Memorias nas que conviven prexuízos e convencionalismos propios da época con brillantes análises políticas (o papel de Mao como unificador, a realidade da China continental e insular…) ou sobre a evanxelización. Ana María destaca a necesidade non só de falar chinés, senón de entender e valorar a cultura do país antes de calquera intento de predicar nada. O que hoxe chamamos “inculturización”.

Estou case seguro de que esta descuberta en China foi a que a levou a participar no movemento para a galeguización da liturxia cando volve a Galicia. Isto e a influencia doutro Fernández del Riego, o seu irmán Domingo, un dos fundadores da SEPT, e do Padre Seixas.

Descubrín a Ana María, e dalgún xeito tamén a Domingo, traballando na obra e na vida de Paco del Riego. Unha obra inmensa e unha vida de entrega absoluta ao noso país. Vida e obra nas que a valía persoal do personaxe son fundamentais, pero que non se poden entender completamente se non miramos a súa contorna. Eu aí atopei a Ana María, unha relixiosa, unha galega lúcida que nos axudou a entender mellor o mundo.