Esta non é unha columna imparcial. Oscar Wilde dicía que non podemos dar unha opinión imparcial sobre as cousas que nos interesan e, se cadra por iso, as opinións imparciais carecen de valor. A min interésame, e moito, o que pasa nos medios de comunicación públicos galegos. Tenme que afectar pois foron moitos anos os que traballei na CRTVG pero, realmente, como cidadán, atinxiume desde moito antes.
Noutros tempos, na axenda de medidas para establecer unha democracia estaba a de ter uns medios públicos. Naturalmente, era un punto de debate que ía moito máis abaixo que a Amnistía, o Estatuto (ou o que fose), a legalización de partidos políticos e sindicatos, ou a propia palabra que o resumía todo: Liberdade. Pero o dos medios tamén estaba aí.
A construción duns medios públicos vai máis aló da lei actual ou da reforma
Pensábase que o incipiente aparello político que tería Galicia necesitaba dunha radio e unha TV públicas basicamente por tres motivos: porque fronte ao arquipélago de xornais e radios locais, e dos esmagadores medios estatais, necesitábase crear un espazo informativo, de comunicación, onde nos podiamos atopar todos os novos cidadáns galegos, estivésemos onde estivésemos.
En segundo lugar, pensábase que sen medios de masas en galego era imposible pretender normalización algunha do idioma. E en terceiro lugar, porque para ter cidadáns que participasen na ‘Res pública’ tiñan que ter a posibilidade de ter acceso á mellor información posible; informarse era, e é, caro e esixe esforzo. Estas e outras moitas razóns nas que se baseaba a creación dos medios públicos, no fondo, son as mesmas polas que hoxe nos interesan e precisan da nosa atención, non só dos profesionais, que tamén, senón de todos.
A reforma da lei da CRTVG que patrocina o goberno de Alfonso Rueda vai en contra dos fundamentos que xustifican que paguemos cos nosos impostos uns medios públicos. A análise polo miúdo do proxecto da Xunta excede o tamaño desta columna pero suxiro un experimento mental que pode revelar ben o fondo dos cambios: Que pasaría se un deputado con humor levase ao Congreso unha lei sobre os medios estatais para reforzar o poder do Goberno de Pedro Sánchez, anulase os Consellos de redacción, etc..? Que votaría o PP de Feijóo?
A construción duns medios públicos vai máis aló da lei actual ou da reforma. Necesita que a sociedade crea neles e participe no seu desenvolvemento e control. Por exemplo, que o Parlamento elixise para o Consello de Administración a profesionais competentes, non a funcionarios de partido ou colegas aos que hai que colocar. Unha práctica que veñen facendo desde hai case corenta anos todos, todos, os partidos políticos galegos.
Outra CRTVG é posible.