Este 2022 acabado de nacer estaba destinado a ser un ano politicamente tranquilo. O calendario electoral tíñalle reservado o inhabitual papel de ser un ano sen eleccións. Un ano algo cachazudo logo das eleccións en Galicia e no País Vasco no 2020 e dos inesperados comicios en Madrid este mesmo ano. Mesmo se prognosticaba que fose algo pousón, sobre todo en comparación co que se espera do 2023, ano impaciente e bravo, no que terá lugar o ‘superdomingo’ no que van coincidir as municipais e a maioría das eleccións autonómicas e, poñéndolle o ramo, no outono, as ‘Xerais’. En Galicia o 2022 debería ser ano especialmente calmo. As autonómicas non tocan ata o 2024 e a hiperactividade madrileña, ata co novo tren rapidísimo, segue chegando algo amortuxada. Pero non vai ser así.
Prognosticábase un ano algo pousón en comparación co que se espera do 2023
O presidente de Castela e León, o popular Alfonso Fernández Mañueco, disolveu as Cortes rexionais e a ninguén lle estrañaría que nun meses poida pasar o mesmo en Andalucía. Mañueco adianta as eleccións por motivos partidistas, vaille ben ao seu xefe Pablo Casado e a el mesmo. É algo legal, pero non moi presentable cando estamos no medio dunha nova vaga da Covid, empezan a chegar os fondos europeos e tiña unha razoable maioría. Parafraseando a ‘El último de la fila’: Cando a polarización, o todo vale, entra pola porta, as primeiras vítimas son as institucións e as boas prácticas democráticas saen pola ventá.
O 2022 podía ser, en Galicia, senón apracible, polo menos politicamente repousado e moi interesante para o observador político. No papel era un ano para ir vendo como os partidos afiaban as estratexias de cara ás municipais, como melloraban os seu relatos de país, mesmo podía ser un ano dalgún acordo transversal de certo calado, pois a campaña galega aínda queda para o 2024.
Sería o ano no que poderiamos ver como Ana Pontón concreta a folla de ruta para ampliar a base do nacionalismo, non sen escollos internos e externos. O ano no que Valentín González Formoso empezase a debullar como se lle pode facer oposición a Feijóo desde fóra do Parlamento (e mesmo para ver se Gonzalo Caballero persevera no seu ‘harakiri’ político). E no PPdeG sería o ano no que intentariamos albiscar como fai para ser competitivo nas cidades do país, procurar saber dos movementos nas organizacións locais sen que nolos tapase a manta de Feijóo, que todo o cobre.
Estas cousas van pasar, pero moito me temo que quedarán nun segundo plano. Andaremos enguedellados en grandes discusións sobre grandes palabras e pouco tempo se lle dedicará á ‘vaquiña’ que dá título á sección, e máis nos valía.