E Rueda foi pintar a mona no Land Rover da TVG, abrindo de facto a campaña electoral. Comezou a campaña, aínda que non saibamos cando vai convocar os comicios. Claro que, case seguro, tampouco el ten moi claro cando van ser. A diferenza de Feijóo ou de Fraga, Rueda ten menos autonomía ca os seus predecesores e a data final vai estar moi condicionada polo que pase a nivel estatal, así que o estado maior dos populares galegos decidiu que había que estar preparados para ‘todo’ e desde ‘xa’.

Rueda está nunha fase anterior: aínda hai que dalo a coñecer, despois saberase canto manda

A presenza no programa de Roberto Villar foi o primeiro paso e o obxectivo non era outro ca dalo a coñecer. A diferenza dos únicos políticos que participaran no Land Rover, Feijóo e Abel Caballero, Rueda non buscaba suavizar a súa imaxe, dar a impresión de que é un tipo ‘normal’, un veciño calquera que agora é presidente. Ese podía ser un obxectivo para Feijóo ou Abel Caballero, para este case unha obsesión, porque todo o mundo sabe que son señores que mandan. Rueda está nunha fase anterior: aínda hai que dalo a coñecer, logo xa se saberá que é o que manda.

Por se alguén tiña algunha dúbida, estes primeiros pasos de campaña deixan claro que o PPdeG vai ir a por todas, sen escrúpulo ningún. Tirarán do populismo –a precampaña ten como lema: “Galicia no para”, inspirado, claro, naquela “a cabeza non para”, de Roberto Villar. Pero tamén, se fai falta, das medidas daquel “terrible” goberno de Touriño e Quintana–. Xa o fixo no debate do Estado da Autonomía, anunciando axudas a dependentes establecidas polo bipartito e derogadas cando chegaron á Xunta. Pero por riba de todo, o Rueda e o PPdeG vanse presentar como o máis español dos españois, por exemplo, facendo un eixo da campaña a terrible amnistía que racha España, ao tempo que asegurará ser o máis galego dos galegos –non sería raro que un deputado do PPdeG no Congreso faga, antes da eleccións, unha intervención en galego–.

Neste presentarse como o máis galego dos galegos, case seguro que o PPdeG volverá tirar dun vello truco, que non por vello segue funcionando: o de presentar o PSdeG como ‘os de fóra’, os que lle teñen rabia a Galicia, ao tempo que acusan o BNG de traidores, por pactar por un prato de lentellas. Os socialistas teñen colaborado con fruición con este argumentario, coa súa falta de proxecto galego –a ver se con Besteiro cambia a cousa–, ao tempo que unha parte do BNG sofre, sobreactúa e ponse nerviosa cando o escoita; os puros, aqueles que seguen berrando o de “PSOE e PP a mesma merda é”.

A campaña está lanzada, nada de precampaña. Todo se vai medir polo seu rédito electoral. Se cadra, só cabería pedir que se lles dea a todos a mesma oportunidade de pintar a mona.