En 1999 Jordi Pujol foi elixido presidente da Generalitat de Cataluña por sexta vez. Convergència i Unió acadou 56 deputados, dos 135 da asemblea catalá. Lonxe da maioría absoluta, Pujol pactou co Partido Popular de Cataluña 12 escanos e seguiu á fronte do goberno.
O de gañar ou perder ten algo de subxectivo, pois depende dos obxectivos que se marque cada quen
A vitoria foi unha sorpresa. As enquisas daban por seguro que o alcalde de Barcelona, Pascual Maragall, ía ser o novo presidente. Pero a noite do 17 de outubro trouxo un resultado inesperado: CiU conseguira 56 deputados e o PSC de Maragall 52. A sensación de frustración enchoupaba o ambiente na sede do PSC en Barcelona. Pascual Maragall, o gran alcalde, tiña que explicar que pasara. A fórmula que atopou ía ter repercusión moito máis aló daquela elección. Maragall dixo: “Teñen máis escanos, pero nós temos máis votos” (exactamente, 4879).
Nunca ata ese momento un dirixente dun dos grandes partidos puxera en dúbida o sistema deseñado nos debates constitucionais. Os gobernos saían, e saen, elixidos dos parlamentos. Dependen das maiorías que alí se formen, independentemente dos votos conseguidos. Os gobernos non eran, non son, elixidos nunha consulta directa aos cidadáns, como pasa nos EUA. Ata entón, estaba claro que gañaba o partido que podía formar goberno, como en Alemaña ou Dinamarca.
A sensación de gañar ou perder ten un elemento subxectivo, pois depende, como no resto das cousas da vida, dos obxectivos que se marque cada partido. Pero así e todo, pódense buscar criterios que nos axuden a entender mellor o que pasa. O BNG, por exemplo, ten que estar moi contento co resultado das pasadas elección locais: conta cunhas 36 alcaldías, fronte ás 28 conseguidas en 2019. En total, estes concellos suman preto de 400.000 habitantes, case o 15 % da poboación do país. O BNG gañou? Home, pois dentro da súa evolución, sen dúbida. É o gañador en Galicia? Non.
Cando se redactou esta columna, o PPdeG andaba sobre as 150 alcaldías, algo máis ca as 146 de 2019. Gobernarán algo menos de 700.000 persoas, pouco máis do 25 % da poboación. Pódese dicir que o PPdeG gañou? Tendo en conta que conseguiron o goberno de Ferrol e a presidencia da Deputación de Pontevedra, algo mellor si que lle foi, pero afirmar que gañou en Galicia é moito dicir.
Pola súa banda, o PSdeG vai rondar as 100 alcaldías, algo menos que en 2019, que tiñan 111 concellos. En total, suman uns 1.250.000 cidadáns, case o 47 % da poboación galega. É verdade que perderon Ferrol e a Deputación de Pontevedra, pero, como no caso de Pujol no 1999, cando se faga memoria dirase que foron os gañadores dos comicios locais de 2023, aínda que os mapas da propaganda tingan de azul o mapa dos 313 concellos de Galicia.