Hai un ruxe-ruxe constante entre a oposición: Rueda non é Feijóo e non se está consolidando. Nacionalistas e socialistas ven unha oportunidade para derrotar o PP case vinte anos despois. A imaxe do líder do PSdeG, Valentín González Formoso, vai medrando en solvencia e parece que atoparon un poderoso látego en José Manuel Lage, o concelleiro coruñés, se vemos a actividade das súas contas de Twitter. O BNG, superadas as crises de AGE e En Marea, están nun momento doce que recordan os tempos do ‘sorpaso’ de Beiras nos noventa. Ana Pontón está conseguindo desenvolver dun movemento en dúas direccións aparentemente antagónicas sen demasiadas contradicións: por unha banda, vai medrando a presenza entre os medios empresariais, ao tempo que ocupa o espazo ‘rupturista’. Isto último vese favorecido, pois todo indica que para o movemento Sumar de Yolanda Díaz, Galicia vai ser un elemento marxinal. Foi significativo que o principal acto de presentación da Vicepresidenta fose no Courel, ben lonxe dos foros urbanos onde a mensaxe de Sumar pode ter maior eco.
Nacionalistas e socialistas ven unha oportunidade para derrotar o PP vinte anos despois
O propio Feijóo estase convertendo nun obstáculo para a consolidación do liderado de Rueda. Nunca como neste período a presenza do líder da oposición en España ocupou un lugar tan destacado nos medios de comunicación galegos. A atención que se lle presta en Galicia a Núñez Feijóo non é comparable coa que se lle deu a Mariano Rajoy cando estaba na oposición ou, moito menos, a Pablo Casado. Ás veces Feijóo parece que segue sendo o Presidente da Xunta, e mesmo o PPdeG propiciou o argumentario de que “criticar a Fejóo é criticar a Galicia”.
Alfonso Rueda non está quieto, claro. Ten unha presenza constante nos moitos actos públicos que desenvolve a Administración galega, mesmo en actividades ou anuncios que antes faría un conselleiro. Pero esgotado o Xacobeo, a acción de goberno aparece como moi rutineira, burocrática, sen decisións que tivesen unha certa audacia.
Porén, Rueda ten un recurso que non ten ninguén máis: ten tempo. Tempo e un calendario que o pode beneficiar. O 2023 vai ser o “grande ano electoral”. Na primavera, as municipais e a final de ano, as xerais. Unha mellora dos resultados nos concellos e deputacións favorecerá a Rueda, pero aínda que fosen malos, poderá utilizalos para facer a ‘súa’ remuda no partido, pois os responsables locais son, basicamente, unha herdanza dos tempos de Feijóo. E logo as xerais. Unha vitoria de Feijóo será “vento nas velas” para Rueda. Unha derrota, curiosamente, obrigará ao PPdeG a pechar filas ao seu redor e a recibir apoios inesperados.