O novo libro de Antón Baamonde explica ás posibilidades que temos diante
Volvo erguer os ombreiros e botar a culpa á distancia de observación pola pouca atención que espertan novidades como a Dirección xeral de Asuntos Constitucionais, presunto ariete contra o sanchismo ou a Oficina de Coordinación Económica. Ben é verdade que os dous anuncios do Presidente na sesión de Investidura fóronse desinchando co paso dos días. A D.X. de Asuntos Constitucionais non deixa de ser un departamento da Asesoría Xurídica e na Oficina de Coordinación Económica vai estar á fronte un prestixioso profesor, Juan Carlos Reboredo, do que non se lle coñece experiencia no mundo da administración, da política, ou mesmo da economía real, que son os requisitos para ser un verdadeiro Tsar para a renovación económica do País e non un novo centro emisor de informes.
E é unha mágoa, unha oportunidade perdida, pois pouco a pouco a cuestión da necesidade de darlle un pulo á industrialización de Galicia vai entrando no debate público. Aí está o novo libro de Antón Baamonde canda o empresario Daniel Hermosilla (Galicia, distrito industrial, Galaxia, 2024) que pon diante dos ollos as posibilidades que temos diante da dobre transición que vive a economía mundial, a dixital e a medioambiental. Oportunidades para superar perigos inminentes como a grave situación que ameaza ao mundo das empresas de automóbil que foron medrando ao redor de Stellantis Vigo. A política da antiga Citroën por concentrar o groso das súas compras de compoñentes nos países low-cost xa empeza a ter consecuencias: empresas clásicas da contorna viguesa como ZF, a antiga Dalphi Metal, ou Denso, do grupo Toyota, non entran nos plans de futuro da planta de Stellantis. E pode que non sexan as únicas.
Desde a distancia parece que o urxente sería apoiar desde a Autonomía a esa industria de compoñentes que non ten a influencia das grandes multinacionais e non facer unha defensa pechada de proxectos antigos como a nova macrocelulosa de Altri. Pero vaia, é moito máis agradable falar de como nos levamos con Alberto ou se Alfonso vai volver ás touradas de Pontevedra este verán.