Lume e futuro: emerxencia territorial en Galiza

Galicía quéimase. Desde hai xa anos, estamos a sufrir un aumento alarmante de incendios forestais, consecuencia dun problema multifactorial no que se combinan o abandono da actividade agraria, da paisaxe en mosaico, a expansión sen freo do eucalipto e unhas políticas que, lonxe de frear a degradación, provocan que o territorio sexa cada vez máis vulnerable ás lapas. A isto súmanse ameazas globais, como a reforma regresiva da PAC, que poñen en risco a soberanía alimentaria e o futuro dun rural vivo e sostible.

Helicóptero apagando un lume nun monte de Galicia

O abandono do rural e unha lexislación que non o protexe

Non se pode falar de incendios sen falar do abandono do rural e das actividades agrícolas e gandeiras. A desaparición de territorio destinado a estas funcións provoca, á súa vez, a fin da paisaxe en mosaico, ese territorio diverso formado por leiras de cultivo, prados para o gando e bosques autóctonos, e que funciona como un cortalumes natural.

A Galicia rural enfróntase a un punto de inflexión

Con todo, o maior problema provén do papel do Goberno ante esta situación. A Administración actual continúa apoiando a expansión do eucalipto, unha especie que multiplica a perigosidade dos incendios, e non dá unha resposta clara sobre a prórroga da moratoria que limitaba novas plantacións, abrindo a porta a que se continúe dando vía verde a este monocultivo. Ademais, aposta polos grandes cebadeiros, un modelo de granxa que non favorece unha xestión sostible do territorio e que ocasiona graves problemas de contaminación das augas.

Unha sentenza histórica

Neste contexto, unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ditada o pasado 11 de xullo, outorgou un fallo histórico á veciñanza da Limia, recoñecendo que a contaminación do encoro das Conchas vulnera dereitos fundamentais como o acceso á auga, á saúde e a un medio ambiente saudable. A sentenza obriga á Xunta e á Confederación Miño-Sil a actuar de inmediato e impón unha moratoria para novas licenzas ou ampliacións de macrogranxas ata que se recupere o estado ambiental da zona.

No plano europeo, a situación tamén é preocupante coa recente reforma da Política Agraria Común (PAC). Se ben se falaba dun novo ciclo máis ecolóxico e xusto, esta reduce o orzamento orientado a políticas de desenvolvemento rural en beneficio dun incremento do gasto militar, provocando o aumento das desigualdades entre países. Tamén preocupa a posible eliminación do segundo piar de Desenvolvemento Rural, clave para programas de relevo xeracional e de sostibilidade ambiental. A isto súmase o perigo de acordos comerciais como o da UE con Mercosur, que poderían agravar aínda máis a situación, abrindo Galiza á competencia desleal e prexudicando a agricultura local.

A Galicia rural enfróntase a un punto de inflexión. E, aínda que sentenzas como a das Conchas parecen abrir unha fenda pola que comezar a actuar, é preciso reivindicar políticas públicas que defendan a terra e rexeitar modelos insostibles que van en contra da soberanía alimentaria e das persoas.