Facíao Feijóo e faino Alfonso Rueda. Cando hai problemas, a culpa sempre é dos outros, maiormente do Goberno central, pero, se é necesario, tamén dos concellos que non gobernan os populares, ou mesmo da oposición. Vivimos nun estado permanente de aldraxe. Claro que este ‘aldraxismo’ constante non é cousa só do PP na Xunta. Está en gran parte do discurso de Abel Caballero, en Vigo, ou no da presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.

O malo de quedar no ‘aldraxismo’ é a frustración que provoca

Denunciar as inxustizas, o trato discriminatorio está ben, é necesario na acción política. En asuntos complexos, a denuncia emocional simplifica o problema e facilita a mobilización cidadá. O malo de quedar na denuncia permanente e nada máis, no ‘aldraxismo’, é a frustración que provoca. Parecería que son outros os que sempre deciden por nós, en base ao maior ou menor aprecio que nos poidan ter e pouco ou nada podemos facer para amañar as cousas. Como moito, a solución que se apunta é que veña un ‘goberno amigo’, que ese si nos entenderá.

A penúltima aldraxe máis querida polo noso presidente son os trens de proximidade e os investimentos en ferrocarril en xeral. A comezos de febreiro, o Consello da Xunta abordou un informe “sobre a necesidade de recuperación e mellora dos servizos ferroviarios de carácter rexional e de proximidade de Galicia”. Nel reclámalle ao goberno de España repoñer as conexións de media distancia e proximidade “que aínda non repuxo tras a pandemia” e, especialmente, esixe unha “aposta clara polos servizos de proximidade rexional”.

Está ben que a Xunta reclame un tren metropolitano, sobre todo en Vigo e A Coruña. Pero, vaia, non só o goberno central ten algo que dicir. Por exemplo, o goberno galego pode asumir competencias e crear unha Renfe galega, como xa existen en Euskadi, Cataluña, Valencia ou Mallorca. De feito, iso xa estaba no programa electoral de Feijóo no 2009, ou nos tempos de Manuel Fraga como presidente e Xosé Cuíña como conselleiro de infraestruturas. Claro que todo se deixou ao lado, ao facer do AVE o único problema ferroviario do país. O esperpento aumenta se temos en conta que o PP acaba de rexeitar no Parlamento galego unha proposta, apoiada por BNG e PSdeG, para crear un servizo ferroviario de proximidade, a través da creación dun ente ferroviario galego ou Galitrén.

Non é moi diferente o debate público que se está a dar sobre o Corredor Atlántico. Se cadra aquí gañamos algo de racionalidade e eficacia co lobby que promove o lehendakari Urkullu con Asturias, Cantabria, Euzkadi e Galicia.

Antón Baamonde apuntou que a única faceta positiva da nova aldraxe é que por fin a cuestión do tren entra na axenda política e que os cidadáns nos deamos conta do moito que nos xogamos co asunto do tren, máis aló de que traia moitos turistas ao Xacobeo.