Rematando o verán soubemos do recorte nunca visto dos fondos económicos para a PAC que propón a Comisión Europea para máis alá do 2028. Menos fondos para as nosas explotacións e menos relevancia para a que noutrora foi a máis importante política común da Unión. Céibase así a mensaxe de que a produción propia de alimentos de calidade, a soberanía alimentaria e as persoas labregas que a fan posible xa non son asuntos prioritarios. Con ese pano de fondo os desafíos do noso sindicato neste proceso congresual son desafíos para a sociedade galega.

a nivel planetario, tamén en Galicia, poderosos Fondos están acaparando terras

Non é un asunto menor, para empezar, depender ou non depender de alimentos industrializados, importados de longas distancias e ultraprocesados; dun sistema que expulsa poboación rural e que dificulta manter unha dieta saudable e nutritiva; dun sistema agroalimentario industrial que secuestra as sementes, contamina a auga, degrada os solos, provoca a perda de biodiversidade e favorece un espazo de abuso laboral, no que se nega o dereito a un traballo digno e a unhas condicións xustas.

Non nos pode ter igual – nin a un país coma o galego, nin a un goberno que di que quere un rural vivo- que se paguen, ou non, prezos xustos en orixe e se faga algo real e efectivo, ou non, para evitar o que está a pasar: que a diferenza entre os prezos pagados en orixe ás persoas labregas e os cobrados en destino ás persoas consumidoras foi de xeito habitual nos últimos meses dun 400% de suba para os produtos agrícolas e dun 280% para os produtos de orixe gandeira. Todo isto a pesar dos moi publicitados “acordos históricos” da Xunta de Galicia e do Ministerio, e a pesar da Lei 12/2013, da Cadea Alimentaria, incluída a prohibición, sempre pendente de desenvolver, de forzar aos produtores a teren que vender a perdas.

E seguindo cos prezos, como non reaccionar cando os prezos pagados polo leite en orixe a comezos do 2025 foron en Europa de 0,544 euros por litro, no estado español de 0,49 euros por litro, e en Galiza de 0,473 euros por litro! Non hai rural vivo sen unha economía agro-gandeira sustentable.

Foto dunha reunión da mocidade loitando pola soberania alimentaria
Non debemos perder a perspectiva global. Tanto a nivel planetario como no noso país asistimos a un fenómeno de acaparamento de terras por poderosos fondos que sacan proveito das terras agrarias abandonadas, antes propiedade de pequenas e medianas explotacións familiares. Un acaparamento que non só vén dado pola compra ou arrendamento senón por sistemas nos que, mantendo a propiedade da terra, foméntase o monocultivo forestal ou doutros cultivos ou condiciónase totalmente o uso da terra cun determinado tipo de produción intensiva. Cómpre salientar nesta liña que mentres en moitos países da nosa contorna a superficie agraria útil chega a alcanzar o 40% da terra, en Galiza sitúase xa por debaixo do 20%. Un novo acelerador neste proceso é o acaparamento de terra para explotacións mineiras ou proxectos industriais de alto impacto ambiental e agrario que afondan no empobrecemento e expulsión das persoas labregas e outros habitantes do medio rural, na perda da biodiversidade, na destrución de mananciais e na contaminación da auga e terras.

reivindicamos o valor da pequena produción, da economía local e da soberanía alimentaria

Desde a perspectiva do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), resulta urxente e necesario artellar unha resposta colectiva fronte a este modelo destrutivo. Cómpre mobilizarse coas nosas entidades aliadas en defensa da terra como ben común, da produción a pequena escala como motor dunha economía social e da dignidade das persoas que traballan no agro. Apostar polas pequenas producións labregas e gandeiras significa apoiar un modelo de vida que favorece a calidade dos alimentos, a creación de emprego local, o coidado do territorio e a xustiza social. Significa, tamén, frear o despoboamento e garantir a continuidade da nosa cultura, da cultura labrega.

É fundamental que os poderes públicos abandonen o apoio cego á agroindustria e redirixan os recursos cara ás pequenas e medianas producións de alimentos, que son as que realmente custodian o territorio e garanten un futuro. Necesitamos políticas activas que promovan a agroecoloxía, que poñan límites á concentración de terras, que garantan prezos xustos para as persoas produtoras e que fortalezan os circuítos curtos de comercialización. A alimentación non pode seguir sendo unha mercadoría ao servizo da lóxica capitalista: debe ser recoñecida como un dereito e como unha actividade estratéxica para a vida.

A nosa loita sindical neste contexto non pode limitarse á defensa dos dereitos laborais, senón que debe estenderse á defensa dun modelo produtivo xusto, sostible e democrático. Fronte á voracidade da agroindustria, reivindicamos o valor das pequenas producións, da economía local e da soberanía alimentaria. Defendemos un rural vivo, con futuro, con emprego digno e con capacidade para decidir sobre o seu futuro.

* Isabel Villabal – Secretaria xeral do SLG (2012-2025)