Disque Sabino Alonso Fueyo, director do diario falanxista Arriba, queixábase a Franco das presións que recibía de distintos sectores do chamado Movimiento Nacional. O mito di que o ditador lle respondeu: “Faga coma min, non se meta en política”. De todas as herdanzas que nos deixou a Longa Noite de Pedra, poucas resisten tan ben no noso debate colectivo. Mesmo teño a impresión de que nos últimos anos medrou o rexeitamento á palabra. Abonda con definir calquera cousa como política para que caia sobre ela a máis fonda das descualificacións.
Como mostra, vexan o gráfico que xuntamos. É da empresa Sondaxe e publicouno La Voz de Galicia, pero comentarios semellantes pódense escoitar en calquera informativo de radio ou de televisión.
Tanto se queremos un “mundo mellor” ou “unha sociedade civilizada”, cómpre reivindicar a política
Os infográficos dividiron os temas de preocupación dos cidadáns con dúas cores: os que din que teñen que ver coa política, que para eles son o Goberno (supoño que o Central, nada que ver coa Xunta), os partidos, o mal comportamento dos políticos e o que chaman “problemas políticos”; e, por outra banda, os que non teñen que ver coa política, que serían cousas como a educación, a vivenda, a calidade do emprego, a sanidade, o paro ou a crise económica. O peor non é que esta catalogación fose unha excentricidade do redactor senón que, probablemente, a unha gran parte dos lectores pareceulle normal.
Con este pano de fondo, case era inevitable que toda a campaña electoral, que era unha campaña municipal, para elixirmos os nosos concelleiros, se convertese nunha proclamación constante de adhesións: con Sánchez ou contra Sánchez, con ETA ou contra ETA, e así sucesivamente. De falar que facemos cos coches, a vivenda, de que cidade queremos vivir, pois… xa o decidirán outros. Parece un renacer do padre Astete, aquilo de “Iso non mo pregunte a min, que son ignorante. Doutores ten a Santa Madre Igrexa que lle saberán responder”, que seguro lles soa a algúns irimegos veteranos.
Escribo antes do día das eleccións. Non sei o resultado, pero estou seguro de que o domingo 28 non veu a Apocalipse. Por desgraza, estou convencido de que a campaña das Xerais de final de ano e a das Autonómicas do ano que vén van ser aínda peor. Vai ser imprescindible que, non só os que queren un mundo mellor senón simplemente unha sociedade civilizada, reivindiquemos a política, aínda que só sexa para non ter que dicir que chove cando mexan por un.