Desde que Pedro Sánchez fixo público o seu segundo goberno, a coalición con Unidas Podemos, estendeuse o lugar común de falar das “ministras galegas” no Goberno. Un cliché estraño para referirse a Nadia Calviño, tan raro que nun primeiro momento ela era a que parecía máis sorprendida, pois nunca se lle coñeceu relación política ningunha co País. Naturalmente non era o caso de Yolanda Díaz. Galega de nación, como diría Cervantes; de Ferrol, para desesperación do Fachineiro da lingua, cos seus cho xuro e cho faigo pero con esas achegas ao léxico que fixemos como freganzo ou neoloxismos como a todo filispín, adaptación do inglés full speed do telegrafo mariño que se usa nos buques para mandar as ordes á sala de máquinas.

Vive o seu “momentum” e todo o que faga, polo de agora, parece que poida saír adiante.

Nestes momentos é unha dos líderes con máis poder político e, nun estraño paradoxo, con menos relevancia partidaria. En Galicia a súa ascendencia orgánica é especialmente débil. Na última asemblea de Esquerda Unida, o pasado mes de xullo, a lista ligada á Vicepresidenta apenas tivo unha cuarta parte dos votos fronte un esmagador 70% da liderada por Eva Solla. Noutro tempo esta debilidade acabaría con calquera pretensión de liderado, pero iso era noutro tempo.

Como moi ben e ben axiña, comprendeu Núñez Feijóo, na política contemporánea as alternativas constrúense sobre un líder; é o primeiro e imprescindible chanzo. A dous anos dunhas eleccións xerais, na esquerda do PSOE non hai outra líder que non sexa Yolanda Díaz. Unidas Podemos, non pode prescindir dela se non queren volver á irrelevancia dos dous ou tres deputados, ben lonxe do goberno. A tensión debe ser enorme e aínda vai medrar pois todo indica que o plan da Vicepresidenta é reproducir en España algo semellante ás malogradas experiencias galegas de AGE e En Marea, velaí as conversas con Errejón ou Compromís.

Agrupar á esquerda do PSOE pode paliar as carencias organizativas de Unidas Podemos, que son moitas fóra das redes sociais, pero diminúe o peso do partido á hora de colocar candidatos ou ideas, algo que odian todas as organizacións sexan do signo político que sexan.

Son operacións que só poden saír adiante neses casos estremos nos que os partidos teñen que elixir entre conseguir obxectivos e manter a pureza dos ideais. Como demostrou a experiencia galega, a recompensa pode ser enorme e pode esfarelarse como un terrón de azucre se non se xestiona con infinita xenerosidade e intelixencia.

E aí está Yolanda Díaz, no gume da navalla. Vive no que na política norteamericana chaman o “momentum” e todo o que faga, polo de agora, parece que poida saír adiante. Durará dous anos?. Só unha cousa podemos afirmar, se lle sae ben a operación agromarán os admiradores por toda a esquerda e máis alá. Se lle sae mal … vae victis