Cunha foto dela, a cega tocando o violín e un home acompañando percusión, exprésanse nunha vella revista para falar dos cegos nas feiras. Colle a Cega de Miranda, Dolores Gómez Lage. Filla de José e de Josefa, que naceu en Peredo (Castroverde) ás 3 da tarde do día 9 de xullo de 1879. Bautizada o día 10 en Santa María de Frairía, sendo padriños os veciños de Peredo, José Fernández e Francisca Docando. Casou con Antonio Rivera Fernández en Riomol o día 2 de xullo de 1908, co que tivo 3 fillos: Manuela, Josefa e Manuel. Viviron en Miranda. Antonio morreu alí o 23 de xaneiro de 1926. Despois Dolores andou con Antonio “O Cachorro”. Casou na Igrexa da Nova de Lugo o día 30 de abril de 1960 con José Álvarez Gómez e morreu en Albeiros, na Croa nº 25, o 26 de xullo de 1971. Tivo varios irmáns e deles viu morrer, sendo nena, a José María, Antonio, Ramón, Manuel, Pedro… Así foi a vida da Cega de Miranda, concretamente de Mirandela, en Castroverde.
Da esmola e da graza dos seus cantares sacou adiante a toda a familia
Así, nesas condicións tan básicas, existiu a cantora célebre; podedes imaxinar como, vivindo da esmola e da graza dos seus cantares para sacar adiante a toda a familia. Cómpre indicar que foi repartindo ledicia por vilas e aldeas co seu violín e coa súa voz, coa música herdada de xograres e segreis, dos trobadores de outrora e coa súa arte, moi célebre, celebrada e estimada.
Eu non a coñecín. Souben dela polo que me contaron xentes que si a coñeceron ben, cando andei ás recollas. Amigos como os da Casa do Rego de Romeán, Antonio e Manuela: Manuela, que era moi cantadora, lembraba á súa amiga Dolores cantando nas pezas. Contaba como era, canto falaba e que unha das cantigas que máis interpretaba era a cantiga do Berce de Adúlteras, cantiga na que a muller –que quedara con outro home para un encontro furtivo– facendo que arrolaba o neno –xa na cama–, que tiñan o berce a carón, cantáballe con alta voz a aquel que petaba na porta, advertíndoo da presenza do marido: “…Quen é ese que trepa na lama, …estache o pai do que chora na cama, e runrrún. Home de fóra que trepas na lama: o pai do neno está na cama. E, se queres algo, sáileme ao camiño que mañá á tarde me vexo contigo, e runrrún”. Fermosa peza no medio da noite para advertir do regreso do seu home. Tamén cantaba moitas coplas entoadas en músicas diversas, que ela dicía eran da súa amiga, a cega. Outro informante, a onde me levou Pepe do Rego, foi Clementino do Páramo, que en outubro do 88 deume conta doutros cegos da comarca como o de Troncos, no Cádavo, o mesmo Ricardín de Adai, que era moi pequeno, o de Córneas, pero tamén daquelas outras pezas do repertorio da Cega de Miranda, e cantoumas: a do Conde Flores, a da derrama dun veciño que denunciou a outro por un quilo de patacas, un tal Indalecio de Díaz, na que todo o delito fora o dunha ovella que estragara a leira do veciño e non puido chegar a un quilo. Ou aqueloutra da capadura que lle fixeron “tres mozas” a un rapaz que as atendía a todas a un tempo. Ou a de Ricardín de Adai, a de Xan dos Espidos, a de Anda neno componte, a de Ron de Vilariño, a de Pepa e Pancracio, etc… Gravacións perdidas no afán ruín dun pasado.
Foi repartindo ledicia por vilas e aldeas coa música herdada de xograres e segreis
Por certo, esa mesma cega que vedes na foto, a cega de Miranda, segundo informacións que teño, era repentista e no momento, cando ía polas merendas das romarías, preguntaba aos que levaba a carón, moinantes e orientadores, para poder relatar cantando aquelas cousas que ela sabía que dicían pola vila deles ou delas.
O que tamén vedes na foto é o comentario que fai o “ilustre e expresado” e escribidor dos textos que acompañan, cando conta que “para mayor delicia, uno o varios vocalistas contorsionados amenizan a través de un bárbaro lenguaje desconocido el conjunto, lanzando al atónito aire en espantosas canciones horras de toda gracia, hasta estremecer en sobresalto los huesos que descansan sobre la hierba…”. Exemplo claro do odio, da “imposición” lingüística de séculos que aínda hoxe envolve os bífidos de sempre!