Quero presentarvos e traer aquí a Anxo Lamas Muinelo, nado no 43 e alumno do Seminario de Mondoñedo –polo tanto, tamén herdeiro dese impetuoso expresionismo poético mindoniense que habitou a tantos escritores e referentes–. Amigo e compañeiro de estudos no Instituto de Lugo cando deixou o seminario, e cando non presentiamos sequera a vida, que viña cargada de anceios e soños. Nin sequera sabiamos dos recendos amargos e doces que o tempo trae, nin sequera das cores que pintarían as enormes paisaxes daqueles esculcantes ollos, que aventaban e parecían comer o mundo.
No seu franciscanismo poético Anxo escribe un mundo enteiro
Anxo Lamas desapareceu nun intre, perdido –para min– de moitos anos, marchou e atopouse a si mesmo, mentres andou o mundo (primeiro Francia, Figueres, onde tordeou con Dalí e Gala, todo hai que dicilo, e percorreu outras paisaxes e modos do lonxe e diverso por eidos tolos de aventura), ata que cadramos xuntos de novo –corenta anos despois– na presentación dun libro, en Lugo. Pasaran moitos anos e alí atopei un descoñecido Anxo Lamas, con coleta e barba. Regresaba navegante de mil mares e bohemio das tantas soidades para expresar de novo a eterna certeza das artes, esa que fai sabernos e reconfortarnos –precisamente en nós, no noso, no noso universo cheo daquelas pequenas cousas que –ao final– son enormes e están dentro ou no arredor e son as que verdadeiramente valen!
Anxo proseguiu as ansias artísticas coas que xa nacera, buscou e buscou novos xeitos para expresar o das que sempre tivera ansia de espallar. Realismo, surrealismo, impresionismo… Abondou na pintura e na escultura, tamén na palabra. E nese multiformismo estético, con toda aquela experiencia, co seu mundo de regreso e busca nos neotrobadorismos da nostalxia, coa súa técnica mindoniense e doutras escolas europeas, doutras atmosferas tamén do continente, volveu ao mundo, a Bazar, á orixe, a Castro de Rei, á Terra Cha…, que, por certo, é o centro do mundo e tamén do estranxeiro! Agora pinta esa paisaxe diversa e multicolor das cousas máis pequenas, ese mundo que sabe é o verdadeiro. Talla e pinta sobre todo tipo de elementos, non só lenzos, senón táboas, ventás, portas, raíces, cortizas. Chega a estremecer os corazóns de quen atende aos trazos e ás cores, ás luces e ás sombras. Traza corpos de persoas, plantas, paxaros, flores, bolboretas, paporrubios… E nese Franciscanismo poético tamén escribe un mundo enteiro, que é o seu mundo, o noso Mundo. Pinta imaxes de cristos, feridos e doentes, sufridos e nada “guapos”, mentres critica aqueles que os pintan sen sangue nas feridas, sen golpes no corpo, sen a dor padecida…, pero coa esperanza nos ollos. E é entón, cando xorden plataformas da arte, todas elas representadas en pé de reivindicar O Noso, a singular maneira de ser, estar e existir, de abrir camiños, de borrar silencios que nos pesan na conciencia e na consciencia. Entón o que consegue e que nos obriga a facer reconto das vontades, para significar a aquelas persoas que tiveron a ben ensancharnos horizontes coa súa existencia anterior, de agrandar o corazón desde a beleza, desde a ledicia de sabernos pola Terra. Por iso hoxe é un día grande, na feliz lembranza. Presente Anxo Lamas en permanente exposición por Galicia adiante, debo agradecer a súa xenerosidade. Esa que hoxe nos convoca na recompensa da memoria de, sobre todo, unha gran persoa.