O outro día fun a Vigo e estiven na homenaxe que lle renderon, pública e con publicación dun libro conmemorativo. Merecida homenaxe a quen loitou, fóra de hábitos ou dentro deles, pola honesta condición proletaria que nos xungue aos que nacemos sen padriño acaudalado, sobre todo aquela máis marxinada e ninguneada que trata de romper muros e ocultacións.
Fomos algunhas amizades de todo tipo e idade, quixemos estar con el, aínda que se escondese do foco. Non vou enumerar as moitas persoas que puiden saudar no mesmo acto, porque serían moitas e, amais, a luz deste breve relato debe vincularse a el, que foi un máis no escaparate dos anos grises da ditadura. El, co seu exemplo, foi un home bo, que mantivo o compromiso coa xente do traballo, sobre todo nos comezos da industrialización desbocada que trataba de comernos a todos.
Mais eu, xa llo dixen a el antes aínda do comezo do acto, estaba alí por esa calidade de invisibilidade que lle asiste, capaz de facelo desaparecer dos ámbitos —poucos— de honra que se lle poidan brindar. Bieito estaba como avergoñado, diría encollido; mesmo quixo pedir desculpas por facerme andar tantos quilómetros. El, que foi sempre fiel amigo, compañeiro nas mágoas, escoitador atento das miñas teimas e, co seu exemplo, predicador sen púlpito. El, que me honrou sempre coa súa atención e respecto, coa súa cortesía e recompensa. El, sobre todo, co seu exemplo.
El, amigo e discípulo doutro ser entrañable e gran loitador, o padre Seixas, de quen tamén gardo memoria e veneración por ser incansable sedutor da verdade, da estima polo propio e por facer fronte, dando a cara a tanta ignominia que nos asedaba. Pois si, Bieito foi quen de, evocando ao seu mentor, facer algo. Na acción está o pan, o resto son apósitos. Máis que dicir, facer. Estivo en feitos, que é a única forma de tecer nación. Non é moi falador, mais aínda cando cala dá sentenza, e cando fala, no seu falar pousado, dá mil respostas. É máis de obrar, de operar. Seino moi ben desde aqueles xantares compartidos na casa do Xosé Carballo, con Antón, Loliña, Cabada… e el, que nos deleitaba servindo puntualmente aquelas viandas apetecidas; xantares nos que tiñamos faladoiro apaixonado até altas horas da tarde, sempre amañando o mundo.
Houbo cancións, houbo versos, mais houbo o exemplo dunha vocación enteira de servizo, máis alá das conviccións relixiosas ou espirituais, que nos poden ou non gustar. Por riba está a condición humana, os dereitos das persoas, os actos para mellorar esta estadía da vida que cada vez máis nos empobrece.
Fixo 75 anos desde que naceu en Corvillón (Cambados), fillo de agricultores e no medio de outros tres irmáns. Fíxose xesuíta, mais xa abocado ás cuestións obreiras: estivo nas minas en Asturias e traballou na construción, sempre loitando contra as inxustizas laborais e na defensa dos dereitos dos traballadores. Ordenouse no 69 e foi soldador en Ascón, onde militou na loita obreira, no medio daquela enorme loita do naval vigués. Tamén foi celador no Xeral de Vigo e, despois, enfermeiro. Viviu en pequenas comunidades de Vigo, máis ben dos arredores, coido que en Teis. Ultimamente, na comunidade de xesuítas do colexio Apóstolo Santiago.
Cantos “Bieitos” ou “Benitos” farían falta hoxe. Cantas amizades a fondo perdido, como el, farían falta para poñer en orde esta patria que nos mira nun silencio pasivo e sospeitoso. En acabando o acto, dixo que aquelas gabanzas á súa persoa eran excesivas. Agradeceu a nosa presenza e, antes de marchar, deume unha forte aperta.
Grazas, Bieito, pola loita e polo exemplo. Moitos anos de vida!